A EPS de Enxeñaría amplía a súa 'familia robótica'

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC avanza na consolidación do grao en Robótica coa adquisición de novo equipamento e de robots que permanecen ao servizo de estudantes e docentes. Así, aos pequenos robots Turtlebot, que desde primeiro exercicio académico acompañaron aos estudantes nalgunhas das súas prácticas, o centro universitario lugués suma acaba de incorporar novas plataformas robotizadas máis avanzadas e coas que o alumnado pode facer fronte a tarefas máis complexas tanto nas actividades prácticas de diversas materias como nos futuros Traballos de Fin de Grao (TFG), segundo indicou o director da EPS de Enxeñaría.
Tomás Cuesta comentou que entre o novo equipamento tecnolóxico do que xa poden facer uso estudantes e docentes do grao en Robótica atópase o robot Pepper (un semi-humanoide de SoftBank robotics) ou o todo terreo Summint XL (fabricado por Robotnik). O robot Pepper, habitual en tarefas de telepresencia, guiado ou asistencia, presenta importantes capacidades de recoñecemento de emocións, pode xesticular e incluso interaccionar con persoas.
Deste xeito, engaden desde a dirección da EPS de Enxeñaría, o alumnado terá a oportunidade de traballar con este robot nas materias de proxectos integrados, que se imparten nos dous primeiros anos desta titulación, ou de robótica de servicios. Este novo equipo robotizado permite tamén desenvolver e probar solucións baseadas na visión por computadora para recoñecer e interaccionar coas persoas coas que se atopa o robot, ao que tamén se pode dotar de comportamentos intelixentes alleas ás dun mero autómata. Algunhas da materias do grao impartido na EPS de Enxeñaría, tales como Visión Artificial ou Aprendizaxe Automática, permiten ampliar o abano de recursos e funcións destes robots, indica o profesor e coordinador do grao, Roberto Iglesias.
O robot Summit, pensado para tarefas de vixilancia, ou acceso a terreos perigosos, é capaz de moverse en exteriores superando importantes desniveis e condicións de terreo adversas. De feito, esta máquina conta con sensores que lle permiten advertir e percibir a contorna desde distancias incluso superiores aos 100 metros. De xeito parello ao semi-humanoide Peeper, o robot Summit tamén se pode empregar na formación práctica dun elevado número de materias.
O coordinador do grao en Robótica na EPS de Enxeñaría, Roberto Iglesias, explica neste senso que este robot xa se está empregar para resolver tarefas no ámbito da agricultura, o que o fai especialmente interesante para os intereses da titulación impartida na EPS de Enxeñaría, cuxo grao en Robótica inclúe a mención de AgroRobótica.
Iglesias adiantou asemade a “familia robótica” da EPS de Enxeñaría de Lugo ampliarase no futuro próximo coa incorporación do can robótico Unitree A1 Explorer, un dos primeiros robots deste estilo que hai en Galicia co que poderá traballar o alumnado do grao e que permitirá diversificar o tipo de plataformas.