Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría espalla a súa pegada ao XIII Congreso de Economía Agroalimentaria

Cartaz do XIII Congreso de Economía Agroalimentaria
Cartaz do XIII Congreso de Economía Agroalimentaria
As profesoras do centro universitario lugués Ana Isabel García Arias e Mar Pérez Fra forman parte dos comités organizador e científico da próxima edición do foro promovido pola AEEA e que se celebrará en Cartaxena do 1 ao 3 de setembro
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC volverá a ser protagonista principal no XIII Congreso de Economía Agroalimentaria, un foro de periodicidade bienal promovido pola Asociación Española de Economía Agroalimentaria (AEEA) que este ano se desenvolverá na Universidade Politécnica de Cartaxena (Murcia) entre o 1 e o 3 de setembro baixo o lema ‘Sistemas agroalimentarios sostibles, innovadores e inclusivos para unha sociedade en transformación’.

As profesores da área de Economía Agraria no campus de Lugo Ana Isabel García Arias e Mar López Fra, que formaron parte do grupo organizador deste foro na súa edición de 2019, figuran tamén como integrantes dos comités organizador e científico, respectivamente, dun simposio que se antolla como un dos principais puntos de encontro, debate e comunicación acaído para investigadores e profesionais que traballan en España nos ámbitos da economía agroalimentaria, medio rural e medio ambiente.

O XIII Congreso de Economía Agroalimentaria permitirá abordar e debater temas actuais e de interese por parte de investigadores procedentes de universidades españolas e de centros de investigación, así como por técnicos da Administración e mesmo do tecido empresarial. O foro, que tamén está aberto a participantes estranxeiros, servirá para, entre outras cuestións, afondar e intercambiar opinións sobre cuestións relativas ás estratexias do Pacto Verde Europeo adoptadas pola Comisión Europea, a reforma da Política Agrícola Común (PAC), a modificación da lexislación de mellora da cadea agroalimentaria, a xestión sostible da auga ou mesmo sobre a dixitalización do sector e da súa problemática para facer fronte á COVID-19.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.01.2021.