Ir o contido principal

A EPS de Enxeñaría mellora a capacitación do alumnado de Robótica cunha planta industrial de embotellado

Infraestrutrura tecnolóxica instalada no Laboratorio de Robótica da EPS de Enxeñaría
Infraestrutrura tecnolóxica instalada no Laboratorio de Robótica da EPS de Enxeñaría
A dotación tecnolóxica, que permitirá ao estudantado replicar procesos de produción e familiarizarse cos automatismos programables, completarase con outras catro estacións modulares relacionadas coa industria 4.0, loxística, visión artificial...
Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC mellora a capacitación do alumnado do grao en Robótica a través dunha planta industrial en miniatura que permitirá replicar procesos de embotellado e envasado de produtos, ademais de favorecer a aprendizaxe dos mecanismos de automatización, segundo indicou o profesor Enrique Comesaña, responsable do Laboratorio de Automatización e Electrotecnia da EPSE da USC.

A nova dotación que vén de instalarse no centro universitario lugués permite reforzar as infraestruturas tecnolóxicas de que dispón na actualidade o alumnado de Robótica, ao tempo que lle ofrece a posibilidade de aprender de xeito práctico a xerar automatismos, ademais de familiarizarse cunha ampla gama de elementos e compoñentes mecánicos e electrónicos, explica Comesaña.

O equipamento que permite replicar en laboratorio as distintas fases e procesos que se desenvolven nunha planta industrial de embotellado e envasado de líquidos está estruturada en varias estacións modulares, que reproducen as diferentes etapas de produción, e conta tamén con autómatas programables.

Esta infraestrutura tecnolóxica posibilitará ao futuros graduados en Robótica ter un coñecemento máis aproximado da automatización dos procesos nunha planta de produción dunha industria de perfil tradicional, indica Enrique Comesaña, ao tempo que lembra o compromiso da EPS de Enxeñaría de ampliar este equipamento con ata catro novas plantas acaídas para reproducir procesos de fabricación da chamada industria 4.0.

A visión artificial e a loxística serán algúns dos ámbitos nos que permitirán traballar as futuras dotacións tecnolóxicas coas que contará nun futuro próximo o alumnado que está a cursar o grao de Robótica na EPS de Enxeñaría do Campus Terra, dixo este profesor e investigador do grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Electrónica e Computación da USC.

Comesaña lembrou neste senso que as infraestruturas e equipamentos tecnolóxicos dos que prevé dotarse en breve o grado de Robótica impartido pola USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo supoñen un investimento económico importante que podería aproximarse aos 100.000 euros.

 

Estacións da planta industrial en miniatura de que dispón o alumnado de Robótica na USC
Estacións da planta industrial en miniatura de que dispón o alumnado de Robótica na USC
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.01.2022.