A EPS de Enxeñaría ve nos sistemas silvopastorais un aliado contra o cambio climático na Europa mediterránea

A ampliación das prácticas silvopastorais na conca mediterránea europea contribuiría a avanzar na loita contra os efectos que depara o cambio climático ou cando menos permitiría mitigalos, segundo se recolle na tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC o enxeñeiro de Montes Francisco Javier Rodríguez Rigueiro baixo o título ‘Innovación agroforestal e PAC, incidencia nos ámbitos do cambio climático, a bioeconomía e a economía circular’.
A investigación desenvolvida ao abeiro do proxecto Afinet e dirixida polas profesoras Mª Rosa Mosquera Losada e Nuria Ferreiro Domínguez, analiza o alcance das prácticas silvoarables e os pastos permanentes na área mediterránea de Europa incluíndo un estudo dos programas de desenvolvemento rural (PDR). As pescudas realizadas por Rodríguez Rigueiro están aliñadas cos obxectivos que persegue a UE a través da nova Política Agraria Común (PAC), así como doutros instrumentos políticos cos que trata de mitigar os efectos do cambio climático ademais de promover a adaptación das explotacións agrícolas a este tipo de prácticas.
A rexión bioxeográfica mediterránea é a área que está particularmente máis exposta aos efectos del cambio climático no conxunto do continente europeo, no que, doutra banda, existe a consideración xeneralizada dos múltiples beneficios que reportan os sistemas agroforestais para erradicar esta problemática. Neste contexto, a investigación desenvolvida por Rodríguez Rigueiro na EPS de Enxeñaría acometeu unha radiografía dos usos e manexos que se está a dar ás superficies agrarias e forestais da rexión mediterránea europea a partir da información xa compilada pola base de datos proporcionada por LUCAS.
A investigación, para a que tamén se botou man doutros datos obtidos por información chegada vía satélite, advirte de que os sistemas silvopastorias son, no marco da agroforestería, os máis abundantes e teñen unha presenza elevada, a pesar de que aínda existe unha gran cantidade de superficie de usos agrarios e forestais nas que sería posible, ademais de conveniente, implantar este tipo de prácticas. De feito, un dos propósitos que persegue a tese de doutoramento realizada por Rodríguez Rigueiro, é a promoción deste sistemas de manexo do territorio e a proporción de información suficiente e acaída para que os estados membros da rexión bioxeográfica mediterránea da UE desenvolvan mellores políticas en relación a adopción e ao impulso da agroforestería nos seus territorios.
Fertilización orgánica
Outro dos aspectos sobre os que fai fincapé a tese de Rodríguez Rigueiro está ligada á fertilización orgánica, un elemento considerado clave nas políticas de adaptación ao cambio climática e nas estratexias de bioeconomía e economía circular promulgadas pola USC. Neste contexto, o investigador da EPS de Enxeñaría da USC inclúe a súa tese un exemplo práctico que ofrece a posibilidade de estudar parámetros químicos e biolóxicos do solo, ao tempo de que permite analizar a influencia da fertilización con lodos de depuradora no arborado e no sotobosque dun sistema silvopastoral establecido baixo P. Radiata D. Don.
A tenor dos datos obtidos neste traballo de campo, Rodríguez Rigueiro conclúe que os lodos de depurado constitúen unha alternativa de fertilización orgánica acaída para os sistemas silvopastorais en terreos de solos menos ácidos, aínda que apunta que este tipo de fertilización precisará da aplicación de enmendas co paso do tempo. Doutra banda, o investigador salienta na súa tese, que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude, que o aproveitamento de lodos de depuradora, un residuo cada vez máis abundante, está aliñado coas estratexias de economía circular e bioeconomía da UE.
