EPSE e Física súmanse á conmemoración da Semana Mundial do Espazo

A USC únese á conmemoración da Semana Mundial do Espazo, que ten lugar entre o 4 e o 10 de outubro en máis de 80 países. Este martes 7 e o mércores 8, os campus de Lugo e Santiago converteranse en escenario de diferentes actividades divulgativas arredor do sector aeroespacial, co obxectivo de achegar ao estudantado as diferentes aplicacións deste ámbito en constante crecemento.
A programación comezará o martes 7 de outubro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo, cunha sesión titulada ‘Galicia, territorio espacial’. Ao día seguinte, o mércores 8, a Facultade de Física do Campus de Santiago acollerá unha conferencia sobre oportunidades profesionais, emprendemento e innovación no sector espacial. Con esta iniciativa, a USC contribúe a dar visibilidade á relevancia estratéxica da investigación e da industria aeroespacial, ofrecendo ao seu estudantado a posibilidade de coñecer de primeira man as novas tendencias e desafíos dun sector cun papel clave no futuro inmediato.
EPSE
A xornada do día 7 na EPSE comezará ás 10.30 horas coa benvida e presentación da nova Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo da Xunta de Galicia, a cargo de Farrah Lisa Meghazi, subdirectora xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial. Ás 11.00 horas, o responsable de Marketing e Vendas de Telespazio Ibérica, Carlos Hernández Medel, impartirá a conferencia ‘Solucións espaciais ao servizo dos cidadáns’. Finalmente, ás 11.20 horas, Ángel Suárez, da empresa Tecnobit-Grupo Oesía, ofrecerá o relatorio titulado ‘A tecnoloxía detrás dos drons: sensores de última xeración’, no que se abordarán os avances máis recentes neste sector. “Esta sesión constitúe unha oportunidade única para que o estudantado coñeza de primeira man as novas liñas estratéxicas e as aplicacións máis innovadoras do sector aeroespacial”, explican dende este centro da USC no Campus de Lugo.
Física
Ao día seguinte, os actos continuarán na Facultade de Física do campus compostelán. A conferencia titulada ‘Emprender con altura. Da universidade ao espazo’ comezará ás 13.00 horas e centrarase nas oportunidades laborais no sector espacial, no emprendemento deep-tech e nos motores satelitais e dinámicas de plasma, temas que se presentarán ao estudantado da man do equipo de Kreios Space.