A Escola de Relacións Laborais de Lugo organiza unha xornada sobre as saídas profesionais da titulación
O mércores 23 a Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo organiza unhas charlas dirixidas aos alumnos da titulación, nas que se lles achegará información sobre as súas posibles saídas laborais. A cita será no salón de graos do centro a partir das 9.00 horas. A charla inicial corre a cargo do letrado do INSS e vicexerente da USC no Campus de Lugo entre os anos 1992 e 2000, José Vázquez Portomeñe, quen falará sobre as claves dunha boa negociación no marco laboral. A continuación intervirá a directora da Academia Postal en Lugo, cun relatorio sobre as estratexias de preparación de temarios para o acceso á Administración pública. O primeiro bloque do programa péchase coa presenza dun representante do Colexio de Graduados Sociais de Lugo, quen informará aos asistentes sobre a actividade do Colexio e as especificidades do exercicio da profesión de graduado social. A segunda parte da sesión comeza cunha mesa redonda na que, baixo o título ‘O exercicio profesional na empresa’, intervirán responsables de prevención, recursos humanos e administración de varias empresas lucenses. O encontro concluirá co relatorio ‘Cursos de posgrao’, a cargo de Guillermo Álvarez de Neyra, director do máster Paulo Fabio en Dirección de Recursos Humanos que se imparte na Escola de Relacións Laborais de Lugo.