Ir o contido principal

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría, un centro en crecemento cun forte vínculo coa empresa

As autoriaddes académicas e o relator posan co público ao comezo do acto. Foto: Iria Lema
As autoriaddes académicas e o relator posan co público ao comezo do acto. Foto: Iria Lema
A ETSE celebrou este xoves a festividade do seu patrón, Leonardo da Vinci

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría celebrou este xoves a festividade do seu patrón Leonardo da Vinci lembrando tanto o crecemento do centro nos últimos anos como a súa forte vinculación co mundo empresarial. Así o puxo de manifesto a súa directora, Julia González, no propio acto, que inaugurou o reitor Antonio López, e no que a secretaria do centro, Nelly Condori Fernández, presentou o informe da memoria de actividades da Escola no curso pasado.

A ETSE imparte tres graos, un dobre grao e oito mestrados, cun estudantado que se incrementou máis dun 20% nos últimos tres cursos. “Todo este crecemento -explicou a directora- foi posible grazas á cesión de espazos no edificio Emprendia por parte da nosa Universidade, aínda que temos que seguir planificándoos para garantir a súa dispoñibilidade para o curso 26-27”, dixo.

Julia González tivo palabras de ánimo para o estudantado que agora comezará a súa vida laboral así como para as empresas que colaboran co centro, “ferramentas clave en actividades como as visitas técnicas, as prácticas en empresa, a titorización de traballos de fin de grao e de mestrado, a participación nos comités externos dos títulos, nas actividades da Aula Profesional ou en iniciativas académicas como o Proxecto Integrador en IA”.

Entrega de premios
No acto de festividade entregáronse numerosos premios, comezando polos extraordinarios fin de carreira 2023-2024 a Rodrigo Tasende Reboredo, Andrea Rojas Novoa, Cristina López Amado, Raúl José Salgado García, Guillermo Martín Atanes, José Luis Ares Sainz, Monya Tayebi Hillali, Alberto Fernández López, Manuel Bendaña Gómez e Tomás Benavides Álvarez. Este estudantado foi ademais merecedor dos premios aos mellores expedientes do pasado curso.

Os premios aos mellores TFG foron para Andrea Rojas Novoa, Jacobo Torres Pérez, Rodrigo Tasende Reboredo, Cristina López Amado, Raúl José Salgado García e Manuel Timiraos López; e os mellores TFM para Guillermo Martín Atanes, Alberto Fraile de Benito, José Luis Ares Sainz, Mario Nicolás Sebastián Lama Cerda, Noel Fabello Quintana, Alberto Fernández López, Manuel Bendaña Gómez e Tomás Benavides Álvarez. As persoas gañadoras dos Premios á Calidade Lingüística tiveron tamén un recoñecemento neste acto.

Tamén se entregaron os Premios Beatrice Alice Hicks, ao estudantado máis comprometido coa participación universitaria, a Alberto Pisco Domínguez e Antón Vázquez Seoane. Entre os premios que entregan as empresas destacan o Altia ao mellor TFG no Grao en Enxeñaría Informática, que foi para Martín Omil Nogales por ‘Mis pictocuentos’; os da Cátedra Institucional de Transición Enerxética Genesal Energy da USC aos mellores TFG e TFM sobre transición enerxética para Emmanuel Jean Daniel Pic Munuera e Paula García-Fraile Sánchez; o ViAQUA ao mellor TFM no Máster en Enxeñaría Ambiental para Guillermo Martín Atanes por ‘Avaliación do proceso de nitritación parcial en continuo para a eliminación eficiente de
nitróxeno na liña principal dunha EDAR’ e o DXC ao mellor TFM no Máster en Tecnoloxías de Análise de Masivos: Big Data a Nicolás Vilela Pérez por ‘EfficientBaGAN: un modelo eficiente de GAN balanceada para mapeo forestal’.

PDI premiado
O profesorado ten tamén un recoñecemento especial na ETSE. Así, o Premio Leonardo á iniciación á docencia foi para Francisco Javier Cardama Santiago e Alejandro Gracia di Rienzo, mentres que os Leonardo á docencia recaeron este ano en Adrián Sánchez Fernández, Marta Carballa Arcos, Ana Mª Soto Campos, Alejandro Catalá Bolos, Juan Carlos Pichel Campos, Alberto J. Bugarín Diz, Alejandro Catalá Bolos, Jorge Alberto Suárez Garea, Ángel Manuel González Rueda, José Antonio Aldrey Vázquez, Francisco Omil Prieto, Anuska Mosquera Corral, Carlos Rodríguez Osorio, Eva Rodil Rodríguez, Cristina Díaz Jullien, Paulo Félix Lamas, Marcos Fernández Pichel, David E. Losada Carril, Mª Purificación Cariñena Amigo, Álvaro Ordóñez Iglesias e José Mª Alonso Moral.

Os Leonardo de investigación recolléronos Mª Teresa Moreira Vilar, Gumersindo Feijoo Costa, Daniel José Franco Ruíz, Paulo Félix Lamas, Paula López Martínez e Manuel Fernández Delgado. Pola súa banda, os premios Ángela Ruíz Robles á excelencia docente foron para José Antonio Aldrey Vázquez, Cristina Díaz Jullien e Paulo Félix Lamas, e á excelencia investigadora para Gumersindo Feijoo Costa.

Relatorio de Antonio Agrasar
O relatorio deste ano correspondeulle ao fundador e CEO de Plexus Tech., Antonio Agrasar Cascallar, e levou por título ‘Aprender, Adaptarse, Innovar: O ciclo da Tecnoloxía con Alma’. Agrasar estudou Ciencias Físicas na USC e iniciou a súa carreira profesional no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas. No ano 2000 fundou Plexus e, case 25 anos despois, segue á fronte como CEO de Plexus Tech, empresa que conta con máis de 4.000 profesionais e presta servizos a case o 80 % das empresas do IBEX35, acadando un alto nivel de especialización e experiencia en sectores como a banca, os seguros, a industria, o retail, a hostalería e viaxes, os servizos sociais e a sanidade.

Plexus forma parte dos Comités Externos dos Graos en Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial, da Rede de Entidades Colaboradoras en Formación en Intelixencia Artificial da USC e participa, xunto co CiTIUS, na Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2025.