Ir o contido principal

A esencia vitivinícola da Ribeira Sacra, a análise na EPS de Enxeñaría nun foro de ‘Lucus in Vino Veritas’

Cartaz do evento vinícola 'Lugo in Vino Veritas'
Cartaz do evento vinícola 'Lugo in Vino Veritas'
O programa do evento, organizado por Vinissi, en colaboración coa Xunta, Concello de Lugo, USC e catedral de Lugo e no que participan 25 adegas, inclúe ata o sábado 5 de xuño concursos e catas de viños, licores e augardentes, ademais de sesións de showcooking
Lugo

A dimensión vitivinícola da Ribeira Sacra e a análise da súa realidade pasada, presente e futura  reúne este mércores, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, a destacados profesionais e especialistas no marco do evento ‘Lucus in Vino Veritas’, que prevé a celebración de diversas actividades ata o sábado 5 de xuño.

O profesor e coordinador da especialidade de Vitinicultura do máster en Enxeñaría Agronómica da USC, Julián García Berrios, os enólogos Cristina Mantilla e Roberto Regal, e o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, intervirán como relatores no foro promovido por En Vinissi ao abeiro da segunda edición deste evento vinícola, unha iniciativa coa que colabora o Campus Terra da USC xunto coa Xunta de Galicia, Concello de Lugo e mesmo a catedral de Lugo, en cuxos adros e claustros se desenvolverán algunhas sesións de cata.

O programa de ‘Lucus in Vino Veritas’ continuará o venres 4 de xuño cunha sesión sobre aperitivos e maridaxe que se desenvolverá, a partir das 12.30 horas nas dependencias do CEI Nodus de Lugo, e na que intervirán a recoñecida sumiller Susana Barros, xunto con outros cinco chefs da Asociación Cociñeiros de Lugo. Estes restauradores elaborarán diversas tapas especiais para o evento maridadas pola sumiller.

Esta actividade matinal, de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo, terá continuidade en quenda de tarde, a partir das 21.30 horas, no adro da basílica da capital luguesa, cunha cata de viños guiada pola propia Susana Barros. As persoas interesadas en tomar parte nesta sesión, que tamén terá un foro limitado, deberán pagar unha entrada de 10 euros.

Evento principal con 25 adegas

O evento principal de ‘Lugo in Vino Veritas’ desenvolverase ao longo do sábado 5 de xuño no adro da fachada da Catedral de Lugo, segundo se puxo de manifesto na presentación deste programa, no marco dun acto no que participaron este mércores a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e a directora de ‘Lucus in Vino Veritas’, Isabel Lozano Verdes.

O programa de actividades previstas para o sábado comezará ás 11.00 horas coa apertura de portas do recinto no que haberá expositores de 25 adegas: Mitarte, José Luis Aristegui, Anónimas Viticultoras, Nogueira, Sernande, Bodega E.D.V., Castrofiz, Lar de Ricobao, Lively Wines, Atrium Vitis, Os Cipreses, Cume do Avia, Cana das Bolboretas, Vía Romana, Gerardo Méndez, Finca Scintilla, Bodegas Gratias, Corisca, Adegas Catrobrey, Pateiro, Bruno Murciano, Rara Besta, Península Viticultores, Pazo Lalón e Bodegas Petrón.

A xornada inclúe unha cata de augardentes licores impartida por Sonia Otero Padín, vogal do consello regulador da I.X. das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, permitirá ás persoas inscritas catar seis dos licores premiados en 2020. Esta sesión comezará ás 11.30 horas e rematará antes das 13.00 horas, cando se desenvolverá unha sesión de showcooking con Cociñeiros de Lugo, durante a que se poderán probar e saborear caldos galegos e algúns dos mellores produtos da gastronomía luguesa.

Xa en quenda de tarde, o programa de ‘Lucus in Vino Veritas’ inclúe un concurso de cata de viños por equipos que comezará ás 18.00 horas e estará coordinado por Juanjo Torres. Ao remate desta sesión, que contempla tres premios para os mellores clasificados, desenvolverase un novo showcooking ao vivo que terá como protagonistas a chefs da Asociación Provincial Cociñeiros Lugo. Un concerto, a partir das 21.00 horas, a cargo de Supreme Jazz Dúo, servirá de peche da segunda edición de ‘Lucus in Vino Veritas’.

As entradas para participar nas distintas actividades programadas ao abeiro deste evento vinícola organizado por Vinissi poden solicitarse na web do evento www.lucusinvinoveritas.com. Tamén se pode acadar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico info [at] lucusinvinoveritas.com (info[at]lucusinvinoveritas[dot]com) ou no número de teléfono 620 727 006.  

 

De esquerda a dereita, Diego López, Javier Arias, Isabel Lozano, Montserrat Valcárcel e Ana González, no adro da catedral de Lugo
De esquerda a dereita, Diego López, Javier Arias, Isabel Lozano, Montserrat Valcárcel e Ana González, no adro da catedral de Lugo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2021.