Espazos verdes, unha prioridade cara a unha cidade sostible

A diversidade paisaxística favorece unha maior biodiversidade, segundo se puxo de manifesto este venres no webinario ‘Sustentabilidade, paisaxe e paisaxismo’, un foro de debate promovido desde o grao de Paisaxe impartido na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo co gallo da celebración do Día da Terra, e no marco do que, ademais de reiterar os beneficios que reportan para a saúde os servizos ecosistémicos da Infraestrutura Verde, tamén se tratou o custe que representa para a cidadanía o mantemento de parques e xardíns, cuxa preservación resulta prioritaria para a avanzar cara a unhas cidades sostibles.
As vantaxes que reporta á poboación urbana os espazos verdes merecen un esforzo orzamentario superior ao actual, segundo indicou o enxeñeiro de Montes e actual presidente da Asociación Española de Parques e Xardíns Públicos, Francisco Bergua, que cifrou en 2,6 euros por metro cadrado o custe que supón para cada cidadán español o mantemento dos espazos verdes, unha contía que considera debería aumentar ata os 4-5 euros en aras a potenciar as infraestruturas verdes dunha cidade verdadeiramente sostible.
Bergua aproveitou a súa intervención no webinario organizado pola EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo para incidir na necesidade de mellorar a xestión de parques e xardíns, un cometido que en España recae nas administracións locais (máis de 8.100 concellos), que destinan unha media do 2,7% dos seus orzamentos para políticas verdes.
O profesor do Departamento de Xeografía da Universidade Autónoma de Barcelona Jordi Nadal achegou neste foro unha visión diacrónica da evolución da paisaxe co relatorio ‘Unha mirada á paisaxe dos Pirineos a través do tempo’, unha intervención na que que apuntou os efectos do clima e, sobre todo, a pegada humana ou acción antrópica, como principais axentes ou causas da modificación da paisaxe ao longo do tempo.
Nadal rematou a súa intervención cun chamada a revisar a historia, analizar as condicións e características dos espazos, e a valorar a pegada humana á hora de planificar a evolución das paisaxes. Neste mesmo senso, logo do que considerar a paisaxe como película e non como fotograma, dado que evoluciona constantemete, Nadal defende unha xestión activa das paisaxes e tamén presenta os parques naturais como espazos apropiados para coñecer, conservar e interpretar a diversidade paisaxística.
O metabolismo urbano e os procesos ecolóxicos nas cidades centraron a sesión de apertura do webinario, a cargo do profesor de Urbanismo Francisco Javier González González, quen lembrou que se ben as cidades emerxidas logo da revolución industrial apenas prestaron atención á infraestrutura ecolóxica, poucas décadas despois xa comezaron as demandas dunha maior conexión das tramas urbanas co medio natural.
A arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre de Urcola, autora entre outros múltiples proxecto dos xardíns do compostelán parque de San Domingos de Bonaval ou do parque Val Grande, de Lisboa, pechou a quenda de intervencións do foro moderado pola profesora do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC María Isabel Díaz Iglesias coa charla ‘As escalas da paisaxe: Lisboa e o Canón do Sil’.