A Estación Científica do Courel aborda o patrimonio cultural local os días 27 e 28 de setembro no seminario ‘Castrexos e romanos’
O patrimonio cultural courelá, así como a súa importancia e posta en valor, serán obxecto de análise e debate no marco da segunda edición do seminario ‘Castrexos e romanos’, un foro promovido desde o campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural do Courel e a Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá os días 27 e 28 de setembro na Estación Científica do Courel.
Este programa, que está estruturado en cinco relatorios repartidos ao longo de dúas xornadas de traballo, ofrece un total de 40 prazas. A inscrición é gratuíta para todas as persoas interesadas, que xa poden formalizar a súa matrícula a través do enderezo de correo electrónico estacion.courel.inscricions [at] usc.es (estacion[dot]courel[dot]inscricions[at]usc[dot]es). As persoas interesadas poden obter máis información e acceder ao formulario de matrícula en liña na web da Estación Científica do Courel
O profesor da Universidade de Coimbra Brais X. Currás e o investigador do CSIC Javier Sánchez-Palencia abrirán o 27 de setembro, ás 19.00 horas, a quenda de intervencións deste foro cunha exposición sobre a explotación do ouro na época romana na cunca media do Sil e o complexo mineiro do Courel no seu contexto.
O relatorio ‘A herdanza inmaterial de Roma na Gallaecia: a lingua’, a cargo do catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas, dará continuidade ás sesión deste foro na mañá do sábado, na que están programadas outras dúas charlas, unha a cargo do profesor ad honorem da Facultade de Humanidades da USC Felipe Arias Vila, que falará sobre a arqueoloxía do Courel, e outra do arqueólogo Luis López González, quen aproveitará a súa intervención para facer unha aproximación ao poboamento castrexo nas serras orientais galegas.
O tamén arqueólogo Iván Álvarez Merayo, membro do comité científico do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel, pechará en quenda de tarde o programa deste seminario sobre patrimonio cultural courelá cunha visita guiada ao castro da Torre de Sobredo.