A Estación Científica do Courel promove os días 15 e 16 de xuño un Bioblitz para amosar á cidadanía a rica biodiversidade da zona
A Estación Científica do Courel celebrará os días 15 e 16 de xuño a segunda edición do Bioblitz Ancares-Courel, unha actividade entendida como experiencia de turismo científico ou prospección intensiva da biodiversidade, a través da que os seus promotores pretende achegar á cidadanía as potencialidades e a riqueza natural e paisaxística deste enclave da montaña luguesa.
O II Bioblitz Ancares-Courel, unha iniciativa promovida pola USC en colaboración coa área de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo, e o Concello de Folgoso do Courel, entre outras entidades e colectivos, antóllase como unha oportunidade para a que tanto naturalistas profesionais como afeccionados, así como outras persoas amantes da natureza, acheguen datos de interese para a ciencia e, sobre todo, de utilidade para a conservación da contorna natural courelá, logo dunha prospección intensiva da biodiversidade da zona durante 24 horas.
Trátase dunha intervención amena e respectuosa co medio ambiente, na que as diversas observacións fotográficas recollidas polas persoas participantes pasarán a formar parte dun inventario biolóxico fotográfico intensivo de flora, fauna e micobiota en varios espazos concretos de este territorio excepcional.
O II Bioblitz Ancares-Courel é unha das actuacións contempladas no convenio que manteñen o grupo de Sistemas Silvopastorais do da USC e a Deputación Provincial de Lugo, un acordo a través do que se procura avanzar na promoción e valorización do turismo e dos recursos micolóxicos e naturais no xeodestino Ancares-Courel, segundo sinala o catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez.
O prazo de inscrición para tomar parte no II Bioblitz Ancares-Courel permanecerá aberto ata o vindeiro martes 12 de xuño. As persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula de balde a través do enderezo de correo electrónico proxecto.micoloxia [at] usc.es (proxecto[dot]micoloxia[at]usc[dot]es) ou a través do número de teléfono 982 823 137.