Ir o contido principal

Estudantes de América latina, África e Europa participan na segunda Escola de Verán da USC sobre tecnoloxías innovadoras para o tratamento de augas residuais urbanas

A segunda edición da Summerschool sobre ‘Innovative technologies for urban wastewater treatment plants’ celebrarase na Escola Técnica Superior de Enxeñaría do 28 de xuño ao 4 de xullo

O Summerschool ‘Innovative technologies for urban wastewater treatment plants’ é un curso curto, intensivo e altamente especializado centrado nas tecnoloxías máis modernas que están emerxendo nos últimos anos no campo do tratamento das augas residuais urbanas no que participarán 24 estudantes procedentes de universidades, centros de investigación e empresas de once países de América latina, África do sur e Europa . A segunda edición desta Escola de Verán, que se enmarca no proxecto Novedar Consolider sobre a ‘A depuradora do século XXI’, comeza este xoves 28 no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) cunha sesión inaugural que presidirá o reitor compostelán Juan Casares a partir das 8.50 horas e na que tamén participará o coordinador da Escola de Verán, Francisco Omil, e coordinador do Proxecto Novedar Consolider, Juan Lema. Ata o 4 de xullo, día da clausura, presentarán os seus relatorios expertos/as de distintas universidades e centros tecnolóxicos. Ademais, novamente a vertente máis práctica das sesións desenvolveranse na planta piloto sobre a que habitualmente traballa o grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC, responsable desta acción. Esta planta conta con equipos que reproducen os procesos industriais a estudar, así como laboratorios orientados á análise de augas e á ecoloxía microbiana. No desenvolvemento do programa académico atenderase aos procesos baseados en lodos granulares e biopelícula; eliminación de nitróxeno, fósforo e microcontaminantes; eliminación de compostos orgánicos e cheiros presentes en emisións gaseosas; aproveitamento de recursos presentes nas augas residuais (biogás, bioplásticos); ou o desenvolvemento de novas tecnoloxías que melloran o coñecemento e xestión das plantas de tratamento de augas. Esta segunda edición xurde tralo interese que espertou a edición celebrada en 2010, na que participaron outros 24 estudantes de doutoramento (daquela procedentes de 14 países) e que valoraron de forma moi positiva as diferentes accións formativas incluídas (clases teóricas impartidas por investigadores sénior, sesións de discusión, actividades prácticas de laboratorio en plantas piloto, unha visita técnica e, ademais, co apoio dunha plataforma de e-learning).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2012.