Ir o contido principal

Estudantes de catorce países participan nunha Escola de Verán da USC sobre tecnoloxías innovadoras para o tratamento de augas residuais urbanas

O reitor Juan Casares presidiu a inauguración desta Escola de Verán
O reitor Juan Casares presidiu a inauguración desta Escola de Verán

Curso curto, intensivo e altamente especializado centrado nas tecnoloxías máis modernas que están emerxendo nos últimos anos no campo do tratamento das augas residuais urbanas. Así se define a Escola de Verán ‘A depuradora do século XXI: tecnoloxías innovadoras para o tratamento de augas residuais urbanas’ no que participan 24 estudantes de doutoramento procedentes de catorce países de Latinoamérica, África do norte, Oriente Medio, Europa central e occidental. A primeira sesión desta escola celebrouse este luns 5 no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría co acto inaugural presidido polo reitor compostelán Juan Casares. Logo da inauguración, Manuel Mariño (World Bank) e Luis Larrea (Universidade de Navarra), presentaron os dous primeiros relatorios do encontro. Esta accións formativa, que se estenderá ata o próximo venres 9, espertou un grande interese en grupos de investigación de diversos países, por estar orientado principalmente a estudantes de doutoramento que desexen alcanzar un maior grao de especialización neste campo. No desenvolvemento do programa docente sucederanse as clases teóricas impartidas por investigadores sénior de diferentes grupos, coas sesións de discusión, actividades prácticas, unha visita técnica e o apoio dunha plataforma e-learning. Neste senso, a vertente máis práctica do curso desenvolverase na planta piloto sobre a que habitualmente traballa o Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC, responsable desta escola de verán. A planta conta con equipos que reproducen os procesos industriais a estudar, así como laboratorios orientados á análise de augas e á ecoloxía microbiana.

No desenvolvemento do programa académico atenderase aos procesos baseados en lodos granulares e biopelícula; eliminación de nitróxeno, fósforo e microcontaminantes; eliminación de compostos orgánicos volátiles e olores; aproveitamento de recursos presentes nas augas residuais (biogás, bioplásticos); ou o desenvolvemento de novas tecnoloxías que melloran o coñecemento e xestión das plantas de tratamento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2010.