Os estudantes de terceiro ciclo da USC avalían moi positivamente os programas de doutoramento
Os estudantes de terceiro ciclo da USC fan unha valoración xeral moi positiva dos programas de doutoramento que están a cursar, segundo se desprende dunha enquisa realizada polo Vicerreitoría de Calidade e Planificación a un número significativo de matriculados nestes programas en etapa de formación.
No que se refire ao desenvolvemento formal do programa, os enquisados valoran sobre todo a relación co profesorado e o grao de accesibilidade a estes fóra do horario de clases, mentres que no ámbito académico destacan a claridade na formulación dos programas, correctamente actualizados e axeitados ao tema fundamental a tratar. O fomento da participación dos estudantes e da actividade investigadora son os aspectos que máis destacaron os enquisados no que respecta á actividade docente.
En definitiva, o 80 por cento dos estudantes que cubriron a enquisa manifesta estar satisfeito ou moi satisfeito co programa de doutoramento que cursa á vez que, aínda nunha porcentaxe superior, afirman que volverían a elixir novamente ese programa para realizar os estudos de doutoramento.