Ir o contido principal

O estudo lonxitudinal ELISA inicia unha nova fase coa mocidade como protagonista

A mostra do estudo é con máis de 2.500 crianzas de Galicia
A mostra do estudo é con máis de 2.500 crianzas de Galicia
Á espera do estudo nesta nova etapa sobre a adolescencia, os resultados ata agora apuntan unha predominancia dos problemas de conduta na infancia temperá que diminúen co tempo, mentres que os problemas emocionais van en aumento

Investigadoras do grupo UNDERISK no Instituto de Psicoloxía da USC (IpsiUS) acaban de poñer en marcha a terceira etapa do proxecto ELISA (Estudo Lonxitudinal para unha Infancia Saudable), co que veñen analizando o desenvolvemento condutual, emocional e psicosocial desde a infancia temperá. O proxecto, apoiado, entre outros, polo Plan Estatal de Investigación e Innovación Científica, é pioneiro no ámbito estatal e sintoniza os seus obxectivos con estudos internacionais realizados tanto en Suecia como en Estados Unidos.

Cunha mostra de máis de 2.500 crianzas de Galicia, ELISA realizou dende 2017 un seguimento pormenorizado durante as etapas de Educación Infantil e Primaria, sendo a última recollida de información de ELISA en 2024. A terceira etapa comeza agora e durará ata o ano 2029, coa recollida de información ao longo da adolescencia (rapazada que hoxe ten idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos) para avaliar, comparar e identificar os factores que inflúen no benestar da mocidade, atendendo os retos e demandas que emerxen nesta nova etapa, co fin de deseñar ferramentas socioeducativas para poñelas ao servizo da sociedade e de xeracións vindeiras.

Problemas emocionais aumentan co tempo

O traballo realizado nas dúas primeiras etapas infantís permitiu estudar, entre outras cuestións, as diferentes traxectorias de desenvolvemento e factores de risco que conducen a futuras dificultades condutuais e socio-emocionais. O estudo préstase para identificar os compoñentes que inflúen no benestar dos nenos e nenas dende idades temperás, analizar como evoluciona o comportamento infantil e promover traxectorias de desenvolvemento saudables.

En termos xerais, os datos recabados ata o momento polo proxecto amosan que as complicacións habituais nestas primeiras etapas seguen traxectorias variables: os problemas de conduta son predominantes na infancia temperá e van diminuíndo co tempo, mentres que os problemas emocionais van en aumento, “posiblemente debido á progresiva complexidade das vivencias socioemocionais”, explica Estrella Romero, coordinadora do Grupo UNDERISK e investigadora principal, xunto con Laura López Romero, do Proxecto ELISA.

En especial, matiza, “detectouse un incremento notable en emocións como a ansiedade, o medo ou a tristura trala pandemia da COVID-19, que se mantivo en anos posteriores”. Ferramentas valiosas como a regulación emocional, un estilo educativo baseado no afecto, así como un clima escolar positivo axudan, ao seu xuízo, a que estes problemas non se cronifiquen.

“O propósito do estudo ten unha grande relevancia social na actual etapa pospandemia, na que a incipiente explosión de dificultades comportamentais, principalmente de índole emocional, , teñen un grande impacto no benestar das crianzas e da mocidade”, apunta.

Os mozos e mozas participantes no estudo sinalaron a relevancia de preocupacións propias da adolescencia: perda de amizades, fracaso académico, conflitos cos pais e nais, a incomprensión, a perda dun ser querido, o rexeitamento social ou a mala percepción da aparencia física, entre outras. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2025.