Un estudo salienta o valor da app AlertCops para reforzar a percepción de seguridade nas rutas xacobeas

A aplicación para móbiles intelixentes AlertCops é aínda descoñecida por unha boa parte das persoas que peregrinan polas rutas xacobeas, cando pode ser unha ferramenta moi útil para reforzar a percepción de seguridade. Esta é a conclusión do estudo do profesor José Sixto García ‘A app AlertCops no Camiño de Santiago: a importancia de comunicar un Camiño seguro’, que tivo a súa orixe nun proxecto de investigación financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, cuxa creación é o resultado da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
Sixto, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación compostelá, pretendeu co seu proxecto diagnosticar o grao de coñecemento que teñen as persoas que peregrinan polas rutas xacobeas sobre a existencia de AlertCops. Esta aplicación móbil de titularidade pública permítelle á cidadanía poñerse en contacto de forma inmediata coa Policía ou a Garda Civil para alertar de calquera situación delituosa, e que ten unha funcionalidade específica para o Camiño de Santiago.
Nun proxecto de investigación anterior realizado pola profesora de Psicoloxía Mar Durán e financiado pola Cátedra en 2019 sobre a percepción de seguridade no Camiño, alertábase de que un 80% das persoas manifestaban que preferirían peregrinar acompañadas por outras. Neste sentido, o estudo do profesor Sixto busca “contribuír á procura de antídotos contra a sensación de medo e vulnerabilidade” que expresaban as persoas preguntadas pola posibilidade de camiñar en solitario. Coa finalidade de comprobar o grao de coñecemento acerca da existencia de AlertCops e cuantificar o posible uso das súas funcionalidades para determinar como inflúen estes datos na percepción de estar a realizar un Camiño seguro, no marco do proxecto de José Sixto realizouse unha enquisa a 100 peregrinas e peregrinos e complementouse a interpretación dos datos cuantitativos obtidos con entrevistas cualitativas aos responsables administrativos da aplicación.
Conforme manifesta o investigador, “a hipótese de partida verifícase e diagnostícase que AlertCops é unha app descoñecida para a maioría dos peregrinos”, pois na actualidade soamente a coñece un 14% e a porcentaxe de instalación é aínda menor, polo que na súa opinión, implementar accións de comunicación por parte das forzas de seguridade, e das entidades de promoción do Camiño e das que agrupan peregrinas e peregrinos contribuiría a “incrementar o índice de coñecemento da app” e consecuentemente melloraría a percepción de seguridade nas rutas xacobeas.