Ir o contido principal

Un estudo zooarqueolóxico e tafonómico dos restos de fauna da Cova Eirós realizado na USC achega luz sobre a Prehistoria galega

Restos de fauna atopados en Cova Eirós
Restos de fauna atopados en Cova Eirós
A tese realizada por Irene Valverde e co dirixida por Ramón Fábregas permite coñecer as estratexias de subsistencia dos Humanos Anatomicamente Modernos e dos Neandertais
Santiago de Compostela

A USC achega luz ao coñecemento dos períodos máis antigos da prehistoria en Galicia cun estudo zooarqueolóxico e tafonómico dos restos de fauna achados na Cova Eirós (Triacastela, Lugo), como é o recollido na tese de doutoramento que vén de presentar Irene Valverde Tejedor na Facultade de Xoegrafía e Historia de Compostela baixo o título ‘Patróns de aproveitametno faunístico e estratexias de subsistencia durante a Transición Paleolítico medio-superior no NON Peninsular’.

A investigación de doutoramento desenvolvida en réxime de co tutela internacional entre as universidades de Santiago de Compostela e de Ferrara, en Italia, baixo a co dirección dos profesores Ramón Fábregas Valcarce e Ursula Thun Hohenstein, e defendida en castelán e italiano por Irene Valverde Tejedor, constitúe unha nova achega do importante xacemento de Cova Eirós ao coñecemento da prehistoria galega máis antiga.

A tese presentada por Valverde Tejedor baséase no estudo zooarqueolóxico e tafonómico de todos os restos de fauna achados en Cova Eirós (Triacastela, Lugo) ao longo dunha secuencia de ocupacións que se data entre fai 46.000 e 30.000 anos aproximadamente. Á importancia destas pescudas cómpre sumar asemade que feito de que o de Cova Eirós é un dos poucos exemplos de xacementos paleolíticos de Galicia nos que se conservaron restos orgánicos.

O estudo dos restos de fauna achados neste xacemento permitiu coñecer as estratexias de subsistencia dos Humanos Anatomicamente Modernos e dos Neandertales, ademais de posibilitar a reconstrución dos distintos escenarios de ocupación e utilización da cova, tanto por parte dos homínidos como dos carnívoros. Asemade, esta investigación da USC permite deixar testemuñado o protagonismo do Oso das Cavernas como especie animal máis representada ao longo de toda a secuencia arqueolóxica, posto que este tipo de osos ocuparon a cova para hibernar nos momentos de abandono humano.

As conclusións achegadas nesta investigación da USC constitúen un importante avance para a investigación da Prehistoria galega, ao tratarse do primeiro estudo baseado nos aspectos socio-económicos e na xestión do territorio por parte de dúas especies de homínidos tan diferentes como os Neandertais e os Homo sapiens.

Tribunal de tese e cualificación

O profesor de Ecoloxía Prehistórica Marco Peresani, gran experto mundial no estudo da transición do Paleolítico medio ao superior en Europa, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento realizada e presentada na USC por Valverde Tejedor. O profesor de Prehistoria da Universidade de León e experto en Zooarqueoloxía do NON peninsular Carlos Fernández, e Antón Rodríguez Casal, profesor Titular de Prehistoria da USC, que actuou como secretario, completaron a composición do tribunal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.01.2020.