A ETSE recibe a certificación que acredita a implantación do Sistema de Garantía Interna de Calidade

O reitor Juan Viaño entregou este martes 18 ao director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), Antonio Mosquera González, a certificación que acredita a implantación neste centro do Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC) conforme o programa Fides-Audit. Na sesión tamén participou o vicerreitor de de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira Fariña. A ETSE convértese deste xeito no primeiro centro da USC que acada esta certificación, destacando polas súas bosas prácticas en diferentes aspectos. Así a escola elabora informes semestrais de calidade dende 2004 e ten deseñado un Assessment Center, a guía do profesorado e ao do alumnado, ademais de publicar a relación do profesorado mellor valorado nas enquisas de avaliación docente. Ademais de ter elaborado un plan estratéxico e unha programación plurianual, o centro conta cun Plan Executivo de Calidade propio.
Un sistema de aseguramento da calidade implantado satisfactoriamente como o da ETSE, “ sérvenos á Universidade de Santiago e á sociedade como aval da calidade das actividades formativas que aquí se realizan”, valorou o reitor no acto de entrega. O aseguramento da calidade “é fundamental para responder aos cambios que se nos demandan, garantindo ao mesmo tempo, a cualificación que reciben os nosos egresados e egresadas”, engadiu. Esta primeira certificación dun centro da USC contribúe a que “creemos unha cultura de calidade que é, se cabe, o resultado máis relevante”, dixo Juan Viaño. Na súa opinión “dicimos que nunha institución existe cultura de calidade cando esta non só se ‘asegura ou garante’, senón que a información que se recolle a través dos mecanismos de garantía de calidade é utilizada de maneira efectiva para a mellora continua da actividade que realizamos”.
O reitor considera que “resta un longo camiño por percorrer, pero estamos convencidos de que esta é a vía”. No caso concreto da Escola, esta soubo interpretar esta responsabilidade “como unha oportunidade para mellorar e converterse en referente da implantación efectiva dos SGIC na USC”. Con esta filosofía, o ciclo de mellora continua “alcanza a todos os ámbitos de actuación, dende a coordinación docente ata a xestión de espazos e infraestruturas”, engadiu Viaño.
Para o director da Escola, a certificación “non é o final do camiño, senón un punto e aparte dunha traxectoria que vén dende practicamente a creación do propio centro”. “O camiño estaba trazado, polo tanto, ao anteriores equipos directivos do centro tamén corresponde este mérito”, engadiu. Antonio Mosquera fixo extensivo o seu agradecemento a todos os sectores que integran a ETSE, persoal docente e de administración e alumnado, cos que compartiu o mérito. O Sistema de Garantía Interna da calidade (SGIC) busca propiciar a mellor continua nas titulacións adscritas aos centros da USC, permitíndolles alcanzar niveis de calidade que faciliten a súa acreditación. A USC aprobou o seu primeiro SGIC a finais de 2009, revisado posteriormente en 2013. O seu obxectivo básico é garantir a calidade de todas as titulacións mediante a actualización constante da oferta académica e a mellora continua dos programas formativos para satisfacer as necesidades e expectativas dos grupos de interese.
O reitor xunto con integrantes do equipo directivo, da área de Calidade da USC así como persoal do centro. Foto: Servimav-USC