Eucalipto: desafíos e oportunidades

Unha revisión profunda do coñecemento científico sobre as plantacións de eucalipto, xunto cunha análise da situación actual no continente europeo e propostas de xestión para esta especie forestal nativa de Australia, centran os contidos do artigo ‘Opportunities and challenges of Eucalyptus plantations in Europe: the Iberian Peninsula experience’, unha publicación científica incluída no último número da revista europea de investigación forestal European Journal of Forest Research, da que é autor, xunto con outros colegas de universidades portuguesas, o catedrático da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Roque Rodríguez Soalleiro.
Varias especies de eucalipto poden atoparse en distintos países europeos, aínda que a súa principal localización está na Península Ibérica, sinalan os autores desta publicación, ao tempo que apuntan a Eucalyptus globulus como a especie máis abundante no territorio peninsular. O seu rápido crecemento, a capacidade de rebrote e as propiedades da súa madeira son algún dos factores apuntados polos investigadores como causas da progresiva implantación do E. Globulus no territorio de España e de Portugal, unha realidade que, a tenor das previsións climáticas, podería estenderse a outras rexións europeas.
O volume total de E. globulus cultivado na Península Ibérica en 2019 traduciuse no aproveitamento de preto de 14 millóns de metros cúbicos de madeira, en parte porque o eucalipto representa a principal fonte de materia prima para as industrias de celulosa e papel en Portugal e España, ao tempo que a súa produción achega importantes ingresos para os propietarios non industriais. Esta realidade, segundo se recolle no artigo, non evita a asociación do eucalipto con impactos ambientais negativos, cuxa evidencia documentada se analiza en distintas seccións do traballo.
Daquela, sabedores dos desafíos e das oportunidades que depara o eucalipto, os autores do artigo publicado en European Journal of Forest Research pretenden dar conta da importancia das plantación de eucalipto en Europa, analizar as oportunidades e desafíos presentes e futuros deste xénero, avaliar en que medida a xestión forestal, tanto a nivel de rodais como de paisaxe, pode reducir os impactos e consideracións negativas da especie, ademais de facer recomendacións sobre as políticas e os tipos de xestión acaídos para apoiar o uso deste xénero noutras rexións europeas.
A publicación do traballo chega coa coincidencia do anuncio por parte da Consellería de Medio rural dunha moratoria das plantacións de especies do xénero, cando menos en áreas non ocupadas previamente por esas especies.