A exposición do Maratón Fotográfico trasládase á Facultade de Veterinaria
A Sala Isaac Díaz Pardo-Seminario de Estudos Galegos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo acolle este mes a exposición do XII Maratón Fotográfico. Esta mostra, organizada por ‘Lugo Cultural’ en colaboración co grupo cinematográfico ‘Fonmiñá’, recolle as fotografías premiadas e outros traballos realizados polos participantes no concurso celebrado o pasado mes de maio. Nun intento por implicar máis ao público os organizadores do evento dispuxeron na sala de exposicións dun espazo no que os visitantes poden facer a súa achega escrita á mostra.
A exposición poderase visitar neste centro en horario de 9:00 a 21:00 horas de luns a venres e será clausurada o día 31 de xaneiro contando coa actuación do grupo de teatro ‘Mosaico’ que realizará unha perfomance.