Ir o contido principal

Facelo en galego ten recompensa

Xa está en marcha unha nova convocatoria dos premios á calidade e á excelencia lingüística, aberta ao alumnado de quince centros de Santiago e Lugo

Os alumnos que realicen en galego os seus traballos académicos, os proxectos fin de carreira ou os traballos fin de grao poderán concorrer aos Premios á Calidade e á Excelencia Lingüística. Esta iniciativa está convocada polas comisións de normalización lingüística de quince centros de Santiago e Lugo que comparten o obxectivo de fomentar o uso do galego entre o estudantado. O premio para os alumnos que decidan participar podería ascender ata un máximo de 300 euros. Concretamente, na modalidade de traballos académicos, concederanse dous premios de 150 e 100 euros por cada centro convocante, mentres que na de proxectos fin de carreira e traballos fin de grao estableceuse unha gratificación de 300 euros por titulación. A estas cantidades sumaranse as correspondentes aos premios á excelencia, segunda rolda desta convocatoria, aos que poderán aspirar os gañadores da primeira fase e que están dotados con outros 150 e 300 euros, respectivamente. A presentación axeitada dun traballo ou documento, dende o punto de vista formal (calidade na redacción, boa estruturación da información, claridade e cohesión, correcto deseño, e por suposto, corrección lingüística e terminolóxica) é unha habilidade comunicativa que todo universitario/a debe posuír e que neste concurso se liga á utilización da lingua galega. Esta nova edición corre por iniciativa de quince comisións de normalización lingüística, as das facultades de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Ciencias, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filosofía, Psicoloxía, Veterinaria, Xeografía e Historia e as das escolas Politécnica Superior, Enfermaría, Formación do Profesorado e Técnica Superior de Enxeñaría. Os premios contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. No web sobre os premios ademais das bases e de información específica, o alumnado poderá atopar recursos de apoio para mellorar a calidade dos seus traballos académicos, como modelos de traballos, léxicos e vocabularios, e a base de datos terminolóxica multilingüe Buscatermos, con máis de 100.000 entradas. Premios á excelencia 2009-2010 O xurado dos Premios á excelencia lingüística correspondentes ao pasado curso acaba de reunirse, estando formado por unha representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, o director do Servizo de Normalización Lingüística e mais a secretaria xeral da USC. O xurado acordou por unanimidade conceder o premio á excelencia na categoría de traballos académicos, dotado con 150 euros e diploma acreditativo, á estudante da Escola de Formación de Profesorado María Crespo Vázquez por Unidades tradicionais de medida en Vilalba. Na categoría de traballos de fin de grao ou proxectos de fin de carreira, o premio, de 300 € e diploma, foi para Planta de produción de biosurfactantes de Celia María Castro Barros, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Para acadar máis información sobre os Premios á calidade e á excelencia lingüística, as persoas interesadas poden visitar o web da convocatoria http://www.usc.es/snl/dinamiza.htm

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2010.