Ir o contido principal

A Facultade de Humanidades acolle este xoves unha aula aberta sobre TICs para a xestión cultural

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O coordinador do CulturaLab do máster en Servizos Culturais da USC, Fran Quiroga guiará a sesión, que se desenvolverá a partir das 16.00 horas

O coordinador do CulturaLab do máster en Servizos Culturais da USC, Fran Quiroga, guiará este xoves 10 de marzo, na aula 14 Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC, unha aula aberta sobre TICs para a xestión cultural. A sesión, que está aberta á participación de todo o público interesado, será en quenda de tarde, de 16.00 a 18.00 horas, e encádrase no marco das actividades promovidas ao abeiro do CulturaLab, un espazo experimental do Máster en Servizos Culturais da USC que se desenvolve en Lugo.

A aula aberta sobre TICs para a xestión cultural ten un enfoque práctico, polo que é recomendable asistir cun ordenador portátil. Ao longo da sesión, Fran Quiroga mostrará algunhas ferramentas que poden axudar a mellorar a calidade dos proxectos culturais, ao tempo que dará conta doutras ferramentas colaborativas que facilitan a creación de traballos máis participativos. O CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC configúrase como un espazo de aprendizaxe expandida, un laboratorio experimental para a investigación e a acción arredor da cultura e conta co apoio do campUSCulturae, unha aposta da Universidade de Santiago de Compostela a prol das culturas do mundo, do entendemento multicultural e do fomento da diversidade e o pluralismo, que conta co apoio económico da Comisión Europea. A próxima sesión das Aulas Abertas do Máster de Servizos Culturais terá lugar na mesma aula o xoves 7 de abril, de 17.00 a 18.00 horas, e versará sobre cultura(s) en común. Nesta actividade abordarase a xestión comunitaria da cultura e a necesidade de apostar por novas institucionalidades. As persoas interesadas poden obter máis información na ligazón electrónica http://culturalab.tumblr.com/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.03.2016.