Ir o contido principal

Farmacia entregou o premio ao creador do logotipo que representa o 150 aniversario da Facultade

O licenciado en Historia pola USC José Luís Álvarez Fernández recolleu este venres na Facultade de Farmacia o premio de 750 euros que lle correspondeu por gañar o concurso de creación dun logotipo oficial para a celebración do 150 Aniversario do centro da USC. O traballo que presentou José Luís Álvarez, de A Guarda (Pontevedra), levaba por lema ‘Alfer’ e nel utiliza a serpe como referente simbólico, relacionando ao espectador coa actividade científica en cuestión. O acto estivo presidido polo decano da Facultade de Farmacia, José Miñones, e nel interviu o secretario do xurado que decidiu o galardón, o profesor Alfonso Castiñeiras.
Para José Luis Álvarez o referente simbólico, a serpe, sérvese dunha identificación universal que nidiamente relaciona ao espectador coa actividade científica en cuestión. A “clásica combinación iconográfica” de serpe e copa foi descartada na medida en que o seu carácter máis tópico pareceulle “obvio”, ao igual que a cruz grega en cor verde. Deste xeito, o autor do logotipo optou por un punto de encontro entre a difusión universal dos símbolos asociados á actividade farmacéutica e o intento de reflectir á vez as súas representacións máis, unha adaptación que asocia unha serpe en espiral co texto 150 aniversario.
En relación coa composición, o autor precisa que “buscando unha vinculación, una harmonía entre a figura en espiral e o texto, elixiuse unha fonte tipográfica de caracteres brandos, suaves e redondeados “na busca dunha esencial sencillez que evite o exceso de elementos visuais nun texto de por si moi extenso”. Foi, segundo apunta José Luis Álvarez, unha “idéntica busca de simplicidade e coherencia quen aparcou a posibilidade de utilizar diferentes fontes para os diversos fragmentos nos que podemos dividir o texto, reducindo todo énfase a destacar un elemento gráfico central, a cifra 150, e a xirar o texto aniversario”.
O gañador do premio, á hora de elixir a cor do logo, decantouse polo fondo morado, representativo da Facultade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.01.2007.