Farmatox crea compostos de potencial aplicación en pacientes con trombos ao retrasar a morte dos tecidos que non reciben osíxeno

Cando se produce un infarto, unha embolia ou un ictus, o tecido morre por falta de osíxeno nunha franxa de tempo que pode oscilar entre minutos, no caso do sistema nervioso, ou algo máis cando se trata de corazón, pulmóns ou músculo. Agora, un equipo mixto da USC e da UDC acaba de desenvolver uns compostos (furanoditerpenos), procedentes dunha esponxa de México (Spongia tubulífera), capaces de alongar a vida útil deses tecidos e retrasar así o intre da morte. Esta terapia, liderada dende o Campus de Lugo polo catedrático Luis M. Botana e que acaba de ser rexistrada a través de patente, pode ser clave á hora de tratar pacientes que sofren un trombo ou mesmo para dilatar o tempo en que os órganos son viables para efectuar un transplante.
A investigación foi desenvolvida por un equipo de oito persoas integrado polo grupo ‘Toxinas mariñas: Mecanismos de Transdución, usos terapéuticos e métodos de detección’ (Farmatox), do departamento de Farmacoloxía da Facultade de Veterinaria da USC, e o grupo de Carlos Jiménez e Jaime Rodríguez da Universidade da Coruña, Química molecular e de materiais (Quimolmat). Os compostos abordados ao abeiro desta colaboración alongan o tempo que tardan as células en morrer ata 18 horas, durante as cales, o tecido pode recuperarse se é tratado de forma axeitada.
O profesor Botana pon o foco en como este achado pode revolucionar o procedemento dos transplantes de órganos xa que “agora os órganos consérvanse en xeo con solucións nutritivas, e cos nosos compostos o tempo pasa das catro horas actuais ás dezaoito”. Con todo, o catedrático da USC destaca o grande uso potencial que esta terapia pode xerar en en pacientes con risco de trombos, “que poderían tomar estes compostos de modo preventivo, ou tras aparecer o coágulo”.
Reperfusión
A outra gran vantaxe destes compostos é que tamén protexen do dano por reperfusión, é dicir, cando se produce un trombo, ao dano por hipoxia súmase o dano que xera o osíxeno cando se restablece o fluxo ao tecido. Se o osíxeno volve de modo normal, ese tecido sofre moito debido á produción de radicais libres. Na actualidade, ese dano fréase aumentando o CO2 en sangue pero, tal e como lembra o profesor Botana, “os nosos compostos reducen do dano por reperfusión de modo notable”.
“En Australia, creouse unha empresa para este tipo de tratamento que usa un veleno de araña que actúa nunha fase posterior á dos nosos compostos, é dicir, cando o dano xa esta iniciado. Os compostos que acabamos de rexistrar como patente actúan antes de que o dano se inicie, o cal demostra o gran interese que isto pode suscitar á hora de salvar a vida dun tecido e, en consecuencia, dunha persoa”, conclúe.
