Ir o contido principal

Filoloxía Galega homenaxeou ao profesor Xosé Luis Couceiro Pérez

O profesor Xosé Luis Couceiro Pérez foi o protagonista este luns 2 dunha homenaxe organizada polo Departamento de Filoloxía Galega con motivo do seu 65 aniversario. No acto, presidido polo vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán, presentouse o volume A mi dizen quantos amigos ey. Homenaxe ao profesor Xosé Luis Couceiro, colectánea organizada polo propio Departamento e coordinada por Esther Corral, Lydia Fontoira e Eduardo Moscoso.
Coa edición do libro, o Departamento pretende “resaltar a súa vinculación investigadora, docente e persoal durante un xa longo período ás tarefas universitarias”. Deste xeito, agrupados arredor dos tópicos Literatura e Lingua, o volume nútrese de medio cento de artigos asinados por compañeiros e discípulos do homenaxeado.
O profesor Couceiro Pérez formouse na USC ampliando posteriormente a súa formación con estadías en diversas universidades italianas. Inicialmente docente de lingua e literatura italiana, a mediados dos anos 70 intégrase como titular na Cátedra de Galego, centrando a súa práctica docente dende este momento na etapa medieval da literatura galega. De xeito paralelo implícase no labor do Instituto de Lingua Galega dende a súa constitución traballando na elaboración do Tesouro Lexicográfico da Lingua Galega e máis adiante como coautor de exitosos manuais para a aprendizaxe do galego.
No eido da investigación, o profesor Couceiro concentra os seus esforzos na lírica medieval galego-portuguesa, aínda que amose interese por outras épocas da literatura galaica ou pola literatura comparada establecendo paralelismo entre a galega e a italiana. Tamén a toponimia e a etnolingüística atópanse entre os seus campos de estudo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2009.