Filoloxía Galega organiza un programa de intercambio galego-catalán
A Área de Catalán do Departamento de Filoloxía Galega da USC organiza o programa Parellaes, unha iniciativa académica para o intercambio lingüístico galego-catalán e catalán-galego entre alumnos da USC que falen estas dúas linguas e desexen aprender, practicar ou mellorar as súas destrezas nestes idiomas.
Os participantes terán a oportunidade de conversar coas súas parellas nun ambiente relaxado e axeitado para a práctica lingüística. Cada unha das parellas conformadas integrarana unha persoa catalanofalante e unha galegofalante para que os intercambios sexan bidireccionais e mutuamente enriquecedores.
O obxecto é que os participantes, organizados por parellas, compartan unha ou dúas horas semanais ata o final do curso, podendo desenvolver o intercambio lingüístico onde acorden, tomando un café, paseando pola cidade ou saíndo pola noite. En función da dispoñibilidade horaria, afeccións e preferencias das persoas interesadas, asignaranse as parellas.
O programa vai destinado, dunha banda, ao alumnado orixinario do ámbito lingüístico catalán que actualmente estuda na USC e, doutra, ao alumnado da universidade compostelá que cursa actualmente, ou teña cursado materias da Área de Filoloxía Catalá.
As persoas interesadas deberán escribir a mamerce.lopez [at] usc.es (mamerce[dot]lopez[at]usc[dot]es) ou a dolors.perarnau [at] usc.es (dolors[dot]perarnau[at]usc[dot]es) indicando uns datos persoais mínimos para dar a coñecer o seu nivel de lingua. Este programa será validable por un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC.