Filoloxía impulsa un congreso sobre o pasado, presente e futuro das linguas, literaturas e culturas no marco do seu 50 aniversario
O vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane, presidiu este mércores 26, na Facultade de Filoloxía da USC, o acto de apertura do Congreso Internacional 'Unha Filoloxía para o Século XXI. Pasado, Presente e Futuro. Linguas, Literaturas e Culturas' que se estenderá ata o venres 28. Con este foro, tal e como destacou o decano do centro, Elias J. Feijó Torres, Filoloxía conmemora o quincuaxésimo aniversario da súa fundación poñendo o foco na actualidade da disciplina pero asentando tamén os alicerces de cara ás próximas décadas.
Neste encontro, dirixido por Rosa Marta Gómez Pato, reflexionarase sobre a Filoloxía que se está a desenvolver na actualidade e tamén sobre o que cabe esperar da Filoloxía nos vindeiros anos. O debate xirará ao redor de tres grandes cuestións: 'Narrativas, culturas e sociedades', 'Filoloxía e tecnoloxías' e 'Filoloxía e transdisciplinariedade'.
O investigador independente Francisco Noa pronunciou a primeira das conferencias plenarias baixo o título ‘O desafío transdisciplinar na abordagem das literaturas africanas’. Completan a listaxe de relatores que pronunciarán conferencias plenarias Christine Frank da Brenner Forschungsinstitut – Universität Innsbruck, Ruslan Mitkov da Lancaster University, e Antonio Monegal da Universitat Pompeu Fabra. Ademais, o programa tamén integra unha mesa redonda coa participación de Rosario Arias Doblas da Universidade de Málaga, Ricardo Pichel da UNED e Julia Muñoz Moreno de Vega do Grupo PRISA.
O foro tamén dá cabida ás distintas propostas que a organización recibiu en formato de comunicación ou póster por parte de especialistas nos distintos eidos temáticos que conforman o congreso. A presentación do libro Scripta manent. 50 anos de memoria e palabras, seguido dun recital poético, servirá de colofón para o foro na tarde do venres 28.