Ir o contido principal

Físicos discrepan da Sociedade Británica do Sono e defenden que se manteña o cambio de hora no Reino Unido

En Reino Unido, a hora do amencer no verán adiántase polo menos catro horas respecto á do inverno, destacan os investigadores. FOTO: Pixabay
En Reino Unido, a hora do amencer no verán adiántase polo menos catro horas respecto á do inverno, destacan os investigadores. FOTO: Pixabay
Jorge Mira Pérez da USC e José María Martín Olalla da Universidade de Sevilla cuestionan o manifesto difundido pola British Sleep Society no que se defende a adopción do horario de inverno de forma permanente
Santiago de Compostela

O cambio estacional de hora sincroniza o inicio da actividade humana co amencer, é dicir, permite que a xornada diaria bote a andar ao mesmo tempo que a luz diúrna. É así como nos adaptamos ao feito de que o intre da saída do sol vaia mudando ao longo de todo o ano. Acompasar o arranque do día co da luz natural facilita, por exemplo, que se poida gozar de máis ocio diúrno nas tardes estivais, cando os días son máis longos. Dende esta perspectiva, os profesores da Universidade de Santiago de Compostela, Jorge Mira Pérez, e da Universidade de Sevilla, José María Martín Olalla, expoñen, nun artigo publicado no Journal of Sleep Research, a naturalidade e a utilidade do cambio estacional de hora en resposta ao manifesto da British Sleep Society (BSS) que pide a súa retirada en Reino Unido e a adopción permanente do horario de inverno.

Os investigadores repasan a historia do cambio estacional de hora en Reino Unido destacando a súa aplicación case ininterrompida desde 1916, o que o converte nun caso óptimo para describir a aplicación do cambio de hora e os seus efectos. Sinalan que as mudanzas no horario proporcionaron durante máis dun século un experimento natural sobre a adaptación da xornada laboral ás estacións do ano, permitindo no verán o goce dunha hora máis de lecer diúrno durante a tarde.

Unha referencia social 

A partir de enquisas de emprego do tempo, os autores constataron que a aceptación colectiva do cambio de hora demóstrase no feito de que, en cen anos, a sociedade británica non eliminou esta mudanza horaria, nin a contrarrestou modificando, por exemplo, os seus horarios laborais dependendo das estacións.

En referencia a unha xornada laboral típica en Reino Unido, o estudo lembra que “dende 1916 a poboación británica preferiu un horario de 9 a 5 no inverno e de 8 a 4 no verán”, que logo de efectuar os correspondentes cambios de hora mantense constante nos reloxos (de 9 a 5) ao longo de todo o ano. Isto constitúe unha referencia social que permite aproveitar ao máximo as horas de sol, xa que fai que a actividade diaria camiñe da man da luz diúrna que nos meses de verán aparece antes. Os profesores Martín-Olalla e Mira resaltan que a función do cambio estacional da hora é adecuar a actividade laboral á luz matinal de cada estación.

Parecen cumprirse –engaden os autores– as predicións que facían hai máis dun século os propoñentes orixinais da práctica: a poboación agradece achegar o inicio da xornada laboral ao amencer e así poder gozar de maior lecer diúrno durante as tardes de verán.  “Se a poboación británica tivese percibido un desaliñamento crónico durante os meses da hora de verán, teríao contrarrestado modificando os seus hábitos”, explican.

Os profesores sinalan que a BSS subscribe o fundamento do cambio de hora no seu manifesto: a luz matinal desempeña un papel crucial na nosa activación diaria. A BSS resalta este papel no inverno para descartar un horario de verán permanente debido á escuridade matinal que, ao seu xuízo, causaría no inverno. O matiz que esquece a BSS e outras sociedades similares é que no verán amence máis cedo, o que fomenta o inicio máis temperán da actividade humana. “En Reino Unido, a hora do amencer no verán adiántase polo menos catro horas respecto á do inverno”, destacan.

Os autores rematan sinalando que na discusión actual sobre o cambio estacional da hora as sondaxes mostran unha maioría favorable á hora de verán respecto da hora de inverno. “É outro indicio de que a proposta estacional de 1916 continúa sendo aceptada no Reino Unido, tamén polas xeracións actuais. É como un clamor: encántannos os nosos horarios actuais no verán, por favor non os atrasen”, conclúen.   
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2024.