Fonseca acolle un percorrido expositivo polas pioneiras na exploración do espazo e o movemento da Nova Educación

‘A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)’ e ‘As mulleres que nos levaron á lúa’ son os títulos das dúas novas mostras que este mércores 20 botaron a andar no Claustro Alto do Colexio de Fonseca. As exposicións poderán visitarse ata o 27 de outubro, de luns a venres, entre as 11.00 e as 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.
A Escola Nova
A exposición 'A Escola Nova... tamén entre nós (1921-2021)' salienta o valor patrimonial e histórico do movemento pedagóxico internacional da Nova Educación, desenvolvido por profesionais da educación, a medicina, a hixiene e a psicoloxía durante as catro primeiras décadas do século XX, en particular mediante as iniciativas da Liga Internacional da Educación Nova (LIEN). A mostra permitirá coñecer como as orientacións, propostas e iniciativas deste movemento marcaron o posterior desenvolvemento da educación a escala internacional ata a actualidade. No acto inaugural participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo; a investigadora do grupo SEPA-Interea, Belén Caballo; e o profesor Antón Costa Rico, comisario da mostra xunto a Lucía Iglesias da Cunha.
“Múltiples expresións do día a día dos centros escolares nos nosos contextos atopan valiosos fundamentos e antecedentes nas formulacións e nas prácticas educativas renovadoras ensaiadas e examinadas con intensidade en diversos contextos europeos e americanos, en particular ao longo das primeiras catro décadas do século XX”, explican dende o comisariado da mostra.
A ampla exposición bibliográfica e gráfica, articulada en sete seccións, quere favorecer un achegamento sensible a algúns dos textos, experiencias e imaxes relacionadas coa Nova Educación. De xeito paralelo á mostra, desenvolverase a conferencia 'Decroly entre nós: dende 1907 á súa reaparición nas unidades didácticas globalizadas', impartida por Mar del Pozo no Consello da Cultura Galega, o 3 de outubro ás 18.00 horas. Ademais, a mesa redonda 'A renovación da educación no horizonte: vidas de educadoras/es e construción social', coordinada por Laura Varela e Carmen Morán, desenvolverase o 18 de outubro ás 18.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur e contará coas intervencións de Uxío Otero, Mariló Candedo e Xosé Manuel Cid.
A vicerreitora Pilar Murias destacou a importancia destas mostras de carácter divulgativo. Nunha liña moi semellante pronunciouse Mar Lorenzo ao subliñar que “ a Universidade ten que abrir as súas fiestras á sociedade”. Belén Caballo lembrou pola súa parte que esta exposición é unha “celebración” xa que case coincide no tempo co 25 aniversario do grupo SEPA-Interea, mentres que o profesor Costa Rico foi o encargado de realizar un minucioso percorrido polas sete seccións que integran a mostra.
Máis alá do Apolo XI
“Non podes ser o que non podes ver”, afirmou a vicerreitora Pilar Murias durante o percorrido realizado pola mostra ‘As mulleres que nos levaron á lúa’ en relación á necesidade de referentes femininos á hora de espertar vocacións científicas entre as máis pequenas. Na visibilidade de modelos femininos incide a mostra comisariada pola profesora Encina Calvo Iglesias ao presentar as traxectorias de figuras como Annie Easley, Rita Rapp, ou Frances Northcut, entre moitas outras, claves no éxito da misión do Apollo XI e na posterior conquista do espazo.
O 21 de xullo de 1969 o primeiro ser humano puxo un pé na Lúa. O fito marcou un antes e un despois na historia da navegación espacial e fixo que os nomes dos tripulantes do Apollo XI ficasen para a posteridade. Pero nesa expedición participaron outras persoas que compartían o soño de alcanzar a lúa e cuxas identidades ficaron ocultas para a memoria e a historia, entre elas, as dun grupo de mulleres que non figuran nos filmes, as novelas ou os libros de texto que retrataron o acontecemento. Son elas as que agora integran a mostra que acaba de abrir as súas portas no Colexio de Fonseca.
“Sen ese equipo de persoas que estudaron, calcularon e comprobaron unha e outra vez que todo funcionase á perfección, hoxe non estariamos falando da próxima misión á Lúa ou da conquista de Marte”, explican dende a organización da mostra. No acto de apertura, ademais de Pilar Murias e Encina Calvo Iglesias, tamén participou a autora das ilustracións que acompañan a mostra, MeliMolita. De xeito parello á exposición, editouse o libro Elas, leváronnos ao espazo, cuxa autoría correu a cargo de Nieves Lorenzo González, Encina Calvo Iglesias, Inés Álvarez Fernández e MeliMolita e que se atopa dispoñible en liña.