Ir o contido principal

A fragmentación do territorio galego limita a capacidade da súa infraestrutura verde para a provisión de recursos

Mapa da capacidade dos ecosistemas para acubillar biodiversidade
Mapa da capacidade dos ecosistemas para acubillar biodiversidade
O LaboraTE da USC, que analiza o potencial dos ecosistemas galegos para albergar biodiversidade co proxecto Inverclima, achega ferramentas para avanzar no planeamento da Infraestrutura Verde e mitigar así os efectos do cambio climático a través dun curso en liña que se desenvolverá do 18 ao 21 de outubro
Lugo

A fragmentación do territorio e a súa diversidade de usos constitúen dous dos factores que condicionan a capacidade da Infraestrutura Verde de Galicia como reservorio de biodiversidade que garanta a prestación e a provisión de recursos ecosistémicos apropiados para mitigar os efectos do cambio climático, segundo indica o investigador do LaboraTE da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC Andrés García Lamparte.

Implicado de cheo no proxecto Inverclima, unha iniciativa de I+D promovida desde a USC co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade a través da que se pretende mellorar a planificación territorial da infraestrutura verde para adaptarse así ao cambio climático, García Lamparte fai fincapé nas singularidades do territorio de Galicia que condicionan ou cando menos dificultan a preservación de grandes extensións homoxéneas de territorio que garantan a provisión de recursos ecosistémicos.

O labor de identificación e posterior mapeo de espazos naturais cunha biodiversidade acaída para a provisión sostible de recursos ecosistémicos centrou o traballo desenvolvido nos últimos meses ao abeiro do proxecto Inverclima. Esta actuación está a piques de chegar ao seu colofón logo da realización do mapeo de toda Galicia. Os documentos elaborados son o resultado da análise das potencialidades dos ecosistemas galegos para acubillar biodiversidade e para proveer recursos ecosistémicos.

García Lamparte sinalou que as actuacións programadas en Inverclima partiron xa coa referencia dos espazos que xa contan coa denominación LIC (Lugar de Interés Comunitario) da Rede Natura, dado que o obxecto último é consolidar e ampliar a súa conservación. Alén desta cuestión e sen entrar nunha clasificación dos enclaves do territorio galego con máis potencial de provisión de recursos ecosistémicos, este investigador do LaboraTE apuntou os cursos fluviais altos e as propias ribeiras dos ríos como enclaves que achegan múltiples recursos ecosistémicos.

Ferramentas para planificar Infraestrutura Verde

O proxecto Inverclima, no marco do que se desenvolveron metodoloxías e ferramentas orientadas a mellorar a planificación de Infraestrutura Verde, busca agora transferir o coñecemento adquirido á sociedade a través dun curso técnico sobre ferramentas útiles para planificar infraestruturas verdes. Esta actividade formativa desenvolverase en liña, en quenda de tarde, de 16.00 a 19.15 horas, do 18 ao 21 de outubro.

As persoas interesadas en recibir esta formación poden formalizar a súa inscrición de balde a través do formulario accesible en liña. Os contidos do programa deste curso abranguen desde unha aproximación teórica aos conceptos de Infraestrutura Verde e servizos ecosistémicos, a realización de mapeos de potencial de provisión de servizos e mesmo información sobre a metodoloxía e as ferramentas desenvolvidas no marco do proxecto Inverclima. As persoas interesadas en obter máis información sobre esta actuación e, nomeadamente, sobre este curso de perfil técnico, poden acceder á web www.inverclima.usc.es.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2021.