Ir o contido principal

Galardoadas seis propostas na sétima edición do concurso de comunicación científica IGFAE C3

‘Corona solar’, de Carlos López Martínez, foi a imaxe premiada na categoría de Fotografía
‘Corona solar’, de Carlos López Martínez, foi a imaxe premiada na categoría de Fotografía
Os premios foron para Anxo Vidal, Carlos López, Rebeca Díez-Quijada e Alicia Muñoz e acadaron mencións de honra Nahuel Castaño, Antonio Morón e Mar Gutiérrez

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, acabar de dar a coñecer os catro traballos gañadores e as dúas mencións de honra na sétima edición do seu concurso de comunicación científica IGFAE C3.

Artigos
Na categoría de Artigos resultou premiado ‘Partículas, azucre e impostos’, de Anxo Vidal Nogueira, por combinar elementos científicos e históricos, xunto a aspectos da vida cotiá, para construír un relato de grande interese, indica o xurado, facéndoo, ademais, “usando como fío un concepto relevante da física, como é a polarización da luz, dun xeito accesible e didáctico para todos os públicos”.

Imaxes
‘Corona solar’, de Carlos López Martínez, foi a imaxe premiada na categoría de Fotografía, de acordo co xurado “por representar de maneira creativa unha das propiedades máis coñecidas das ondas de luz. A través desta composición, que combina de maneira acertada as formas circulares co contraste entre as zonas claras e escuras da imaxe, é posible visualizar o fenómeno da difracción, convertendo deste xeito a fotografía nun elemento de gran valor divulgativo”.

Nesta mesma categoría, o xurado tamén acordou outorgarlle unha mención de honra á proposta ‘A la sombra de gigantes’, de Nahuel Nallib Castaño Lludgar, por conseguir captar, mediante un traballo de notable complexidade técnica, unha eclipse, evento astronómico que leva milenios asombrando a humanidade.

Proxecto
‘Tarot fundamental’, de Rebeca Díez-Quijada Combarros, obtivo o premio na categoría de proxecto “por construír, partindo das forzas que rexen as interaccións entre as partículas elementais, un xogo cunha notable compoñente creativa e cun importante potencial de uso como recurso didáctico. A atribución de roles a cada forza, xunto coas ilustracións, permite achegar as súas características a un público non especializado”, indicaron os membros do xurado.

Vídeos
Na categoría de Vídeos, ‘Minando isótopos’, de Alicia Muñoz Ramos, foi premiado polo xurado “por comunicar conceptos clave da física nuclear, construíndo o relato, dunha forma orixinal e atractiva, a través dun célebre videoxogo, para explicar o traballo científico desenvolvido en laboratorios da mencionada disciplina”.

Nesta mesma categoría, o xurado tamén acordou outorgarlle unha mención de honra a ‘Lluvia desde las estrellas’, de Antonio Manuel Morón Pardo e María del Mar Gutiérrez Vílchez, “por un traballo de gran complexidade técnica e creatividade que describe, desde a ciencia ficción, a relevancia científica dos neutrinos, e os métodos que se desenvolven para o seu estudo e detección”.
 

Obtivo unha mención de honra a proposta ‘A la sombra de gigantes’, de Nahuel Nallib Castaño Lludgar
Obtivo unha mención de honra a proposta ‘A la sombra de gigantes’, de Nahuel Nallib Castaño Lludgar
Vídeo 'Minando isótopos', de Alicia Muñoz Ramos
Vídeo 'Lluvia desde las estrellas', de Antonio Manuel Morón Pardo e María del Mar Gutiérrez Vílchez,
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2024.