O grupo de investigación Hispona da USC impulsa un ciclo de cinema para conmemorar a caída do Muro de Berlín
O programa de actividades ‘Aos 30 anos da caída do Muro de Berlín: historia e memoria’, presentado este xoves na Facultade de Xeografía e Historia, co gallo do Día Europeo das Linguas, conmemora o trinta aniversario da caída do muro de Berlín acontecida o 9 de novembro de 1989 a través dun ciclo de cinema, diversas exposicións, e unha mesa redonda integrada por especialistas na materia.
O Grupo de Investigación Historia Política e dos Nacionalismos (HISPONA), en colaboración co Centro de Linguas Modernas e co Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC, o Instituto Goethe e máis o Servizo Alemán de Intercambio Académico (DAAD), impulsan este “ambicioso programa”, en palabras dun dos seus coordinadores e profesor da USC Xosé Manuel Núñez Seixas. As actividades comprenden un ciclo de cinema recente alemán, integrado por oito filmes que xiran arredor dos últimos anos da República Democrática Alemá e da caída do Muro. As proxeccións realizaranse na Facultades de Filoloxía, Xeografía e Historia e Humanidades da USC, e terán lugar entre o 1 de outubro e o 21 de novembro de 2019. O filme Barbara abrirá o ciclo na Facultade de Filoloxía o vindeiro martes 1 de outubro, ás 18.30 horas. Os filmes Sonnenallee, Vento do oeste, Goodbye Lenin, Berlin is in Germany, Tren cara a liberdade, Bornholmer Strasse e A lenda de Rita completan o ciclo.
Mostras
Outras actividades relevantes no marco deste programa de actividades serán a mesa redonda con especialistas en Historia Contemporánea de Alemaña, Historia do Cinema e testemuñas presenciais da caída do muro que terá lugar o 30 de outubro trala proxección do filme Berlin is in Germany; así como tres exposicións sobre o Muro de Berlín que se estenderán entre o 28 de outubro e o 22 de novembro. Deste xeito, a exposición interactiva ‘O Muro’ será acollida pola Facultade de Filoloxía (terceiro andar) e conformará un espazo aberto para a creatividade e o intercambio de opinións en liberdade.
As Facultades de Filoloxía (andar baixo), Ciencias Políticas e Sociais, e Humanidades de Lugo albergarán a mostra que leva por lema ‘O muro: unha fronteira a través da Alemaña’, a cal ofrece un percorrido histórico polas orixes da Guerra Fría, a división de Europa, a construción do Muro, e a evolución da vida cotiá e os intercambios entre as dúas Alemañas. Xornalismo será o lugar no que se poderá ver a exposición ‘A simple vista. Berlín, 30 anos despois’, mostra de foto de rúa cuxo resultado é unha ollada sobre Berlín trinta anos despois da caída do Muro. As imaxes foron captadas polo colectivo compostelán Área3 integrado por Carmen Cunqueiro, José Manuel Pérez Pena, Carmen Torres e Javier Ventosa no ano 2017.
No acto de presentación tomaron parte a directora do Centro de Linguas Modernas, Katerina Vlasakova, e os coordinadores da actividade Sina Menrad do Servizo Alemán de Intercambio Académico, Xosé M. Núñez Seixas do grupo Hispona, e Xosé M. Pérez Pena do Centro de Linguas Modernas.
Sina Menrad do Servizo Alemán de Intercambio Académico, Xosé M. Núñez Seixas do grupo Hispona; Katerina Vlasakova, directora do Centro de Linguas Modernas; e Xosé M. Pérez Pena do Centro de Linguas Modernas, presentaron o programa de actividades ante os medios