Ir o contido principal

Os grupos españois que actualmente investigan sobre terapia con células nai debaten na USC os últimos avances neste campo

Á xuntanza asiste a metade dos investigadores que traballan neste eido

Os vinte e seis grupos de investigación españois que actualmente traballan no estudo das células nai reúnense este xoves 20 e o venres 21 na Facultade de Medicina no transcurso da Reunión da Rede de Terapia Celular (TERCEL) para coñecer o estado actual das investigacións neste eido. O encontro, ao que asisten máis de 120 investigadores, inaugurouno o reitor compostelán Senén Barro nunha sesión celebrada no Salón de Actos da facultade compostelá coa presenza ademais, do director xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Jesús Caramés; o coordinador da Rede, Javier García Sancho; o decano do centro, José Mª Fraga; e o organizador do encontro, o profesor José L. Labandeira.
En opinión dos promotores da xuntanza, a terapia con células nai será unha das principais armas da medicina nas próximas décadas, “xa existen datos que fan pensar que esta terapia permitirá facer fronte no futuro a enfermidades con grande incidencia social que non poden curarse actualmente”, apunta o profesor José L. Labandeira. O mesmo investigador engade que a técnica tamén facilitará “a obtención de novos órganos a partir de células do propio doente e polo tanto compatibles para transplantes”.
A Rede de Terapia Celular constitúena na actualidade vinte e seis grupos pertencentes a universidades, hospitais e centros de investigación de todo o estado, dos que unicamente un é galego, o pertencente á USC. En Santiago está presente case a metade dos investigadores neste campo o que en opinión de Javier García permite unha posta en común e un coñecemento pormenorizado do que fai cada grupo. “Aínda que estamos a traballar de cara ao futuro -sinalou o coordinador da rede- procuraremos que a parte clínica pronto se beneficio dos avances da investigación neste senso”.

Neste mesmo senso, para o decano da Facultade as investigacións desenvolvidas neste campo son a “garantía dun futuro mellor” e os avances neste traballo “o soño de moitas persoas que agardan que a ciencia contribúa a solucionar problemas de saúde”. O reitor Senén Barro concluíu a quenda de intervencións resaltando a importancia dos avances que se produzan neste espazo da ciencia pola súa constante evolución e transcendencia social, “atopámonos ante o futuro e debemos ser quen de entender as incógnitas que se nos presentan para contribuír ao desenvolvemento do benestar”.
ProgramaLogo da inauguración, comezou a quenda de intervencións cun relatorio sobre o estado actual das investigacións con células troncais, que moderou o doutor Bedoya, do grupo de investigación do actual ministro Bernat Soria. A competición celular en mamíferos e as súas implicacións na rexeneración, as bases moleculares da especificación de células nai hematopoiéticas definitivas no embrión dos vertebrados ou a xeración de células iPS específicas de pacientes foron algúns dos temas que se tratarán nesta primeira sesión.
Para completar o programa da mañá presentouse a documentación, rexistro e resultados iniciais de ensaios clínicos actualmente en marcha; o Banco nacional de liñas celulares de Valencia (BNLC); a caracterización de células nai adultas ou as particularidades da imaxe fotónica non invasiva en medicina rexenerativa.
A terapia celular en enfermidades cardíacas e vasculares, a rexeneración vascular en isquemia ou o estado actual e perspectivas de futuro desta terapia na reparación e rexeneración miocárdica son algúns dos asuntos que se abordan pola tarde.
A xornada do venres 21 comezará ás 10:00 horas cun debate sobre o papel da medula ósea na rexeneración hepática ao que lle seguirán outras cuestións como a relación da terapia celular e os biomateriais na medicina rexenerativa esquelética ou o tratamento das fístulas traqueo-mediastínica. A quenda da mañá completarase coa celebración da xuntanza do consello científico da Rede.
A regulación do proceso de auto renovación en nichos neuroxénicos ou o transplante celular para reparar a medula espinal lesionada son os temas que abren a quenda de intervencións da tarde ás 16:00 horas, na que tamén se intercambiarán experiencias respecto de diversas cuestións relacionadas coa terapia experimental antiparkinsoniana.
O encontro desta rede posta en marcha polo Instituto de Saúde Carlos III está organizado por investigadores dos Laboratorios de Neuroanatomía e Neuroloxía Experimental do Departamento de Ciencias Morfolóxicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2008.