Highlands.3 divulga o coñecemento xerado arredor das áreas de montaña e o seu desenvolvemento sustentable

O proxecto europeo Highlands.3 chega á súa fin logo de contribuír ao desenvolvemento sustentábel e inclusivo das áreas de montaña dende o ano 2020. Como colofón a este periplo investigador, a Facultade de Xeografía e Historia da USC acolle do 16 ao 17 de xuño unhas xornadas que afondan nesta investigación centrada en tres grandes temáticas ―agricultura e alimentación, turismo e espazos naturais protexidos― no contexto do cambio global planetario.
A xornada do 16 de xuño pola mañá, na Sala de Profesorado do centro, está aberta á asistencia de calquera persoa interesada na temática. Iniciarase coa inauguración institucional ás 10.30 horas, e contará coa participación da vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Antonio Míguez Macho; o director do departamento de Xeografía, Juan Manuel Trillo Santamaría; e a directora do Instituto de Humanidades, Laura Mª Lojo Rodríguez. Ao longo da mañá, presentaranse os resultados acadados nas montañas galegas ao abeiro do proxecto, e realizarase un balanzo do estado da investigación de Highlands.3 en conxunto. O 16 pola tarde e a xornada completa do 17 teñen carácter interno para a equipa de investigación.
Highlands.3 artéllase a través de dúas grandes actividades que abranguen un total de 540 meses de traballo financiados polo proxecto: por unha banda, o intercambio de persoal que traballa nas institucións participantes ―académicas ou non― a través de estadías individuais realizadas noutro país e nun tipo de entidade distinta ao que pertence cadaquén; pola outra, as sesións de investigación e innovación, de duración mensual, das que xa se desenvolveron sete, tres en montañas da Unión Europea (Macizo Central Francés-Perineos, Alpes e Cárpatos-Balcáns) e catro fóra dela (Andes, Malawi, Cabo Verde e Vietnam).
A oitava sesión vai ter lugar na segunda metade de xuño e a primeira metade de xullo entre as montañas galegas e portuguesas. Logo dos dous días en Santiago de Compostela, realizarase traballo de campo no Monte Pindo, durante a segunda quincena de xuño, na Serra de Queixa e, sobre todo, nas Montañas de Trevinca, ata o desprazamento á rexión Centro de Portugal que terá lugar co cambio de mes.
O consorcio
Highlands.3 é un proxecto tipo Research and Innovation Staff Exchange (RISE) obtido por concorrencia competitiva en 2019 dentro do Horizon 2020. Research and Innovation Framework Programme. Cun orzamento total de 2,5 millóns de euros, a Universidade de Santiago de Compostela participou na execución dun 5%, baixo a dirección do profesor Valerià Paül do departamento de Xeografía. No caso galego, a entidade non académica participante é Trevihost, a Asociación de Hostelaría e Turismo de Trevinca-A Veiga. Highlands.3 está a ser desenvolvido por máis de 40 institucións, o 35% das cale sons non académicas, pertencentes a 30 países distintos, tanto da Unión Europea como de fóra dela.