Ir o contido principal

Humanidades celebra un seminario sobre literatura e medios audiovisuais en homenaxe ao profesor Luis Miguel Fernández

Cartaz da actividade
Cartaz da actividade
O director da RAE e catedrático da USC, Darío Villanueva, abrirá os actos o luns, ás 16.00 horas, no salón de actos do centro, co relatorio ‘O concepto de precinema’

A Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC celebrará o luns 12 de decembro un seminario sobre literatura e medios audiovisuais co que pretende render homenaxe ao profesor Luis Miguel Fernández, docente do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da USC cuxas liñas de investigación profundaron na relación entre a literatura e o cine.

O director da Real Academia Española (RAE) e catedrático da USC, Darío Villanueva, abrirá o luns, a partir das 16.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades, o seminario ‘ Literatura e medios audiovisuais’, organizado co gallo da pre xubilación deste profesor na Facultade de Humanidades da USC, cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘O concepto de precinema’. A profesora de Literatura Española da Universidade de Zaragoza, Carmen Peña Ardid, tamén especialista na relación entre literatura e medios audiovisuais, dará continuidade á quenda de relatorios cunha intervención que leva por título ‘Cinefilias al margen de la sala de cine: huellas del cine y la televisión en la novela española del siglo XXI’. Unha semblanza da figura e da obra do profesor homenaxeado, a cargo de Claudio Rodríguez Fer, poeta e tamén profesor da USC na Facultade de Humanidades, e un relatorio do propio Luis Miguel Fernández co título ‘La cuartilla vertical. El escritor y los medios audiovisuales a lo largo del tiempo’, servirán para pechar esta actividade, que é de carácter gratuíto e está aberta á participación de todo o público interesado. As persoas que participen nesta actividade e desexen un certificado de asistencia terán que solicitalo previamente a través do enderezo de correo electrónico amparo.juan [at] usc.es (amparo[dot]juan[at]usc[dot]es). As solicitudes, que deben incluír, nome e DNI da persoa interesada, poden facerse ata o domingo 11 de decembro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2016.