Ir o contido principal

Humanidades festexa o patrón San Isidoro cun acto académico no que distingue os mellores expedientes das súas titulacións

Autoridades académicas e premiados no acto da festividade de San Isidoro, na Facultade de Humanidades
Autoridades académicas e premiados no acto da festividade de San Isidoro, na Facultade de Humanidades
A Facultade recoñece ao catedrático da USC Xaquín Rodríguez Campos e ao presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, pola súas contribucións ao centro

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC celebrou este luns 27 de abril a festividade do seu patrón, San Isidoro de Sevilla, cun acto académico no marco do que se procedeu á entrega dos premios extraordinarios do curso 2013-2014 a Cristina Joven Sieira, Marta Queiruga Balado e Xoán Carlos García Souto, como mellores expedientes dos títulos graos en Lingua e Literatura Españolas, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, respectivamente, así como a Marcos Gándara Costado, do

máster en Servizos Culturais. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidiu a cerimionia académica conmemorativa da festividade do patrón das Humanidades, un acto que foi tamén o marco elixido polo equipo decanal que dirixe María Isabel González Rey para facer público o recoñecemento da Facultade de Humanidades ao catedrático de Antropoloxía Social da USC e profesor no centro lugués, Xaquín Rodríguez Campos, e á Deputación Provincial de Lugo, na persoa do seu presidente, José Ramón Gómez Besteiro, que foron agasallados con cadansúa medalla. A entrega dos premios extraordinarios aos mellores estudantes das distintas titulacións impartidas na Facultade de Humanidades durante o curso 2013-2014 é un feito que pon en valor os seus méritos académicos, sinalou González Rey, quen precisou que as medallas coas que a facultade luguesa agasalla ao profesor Rodríguez Campos e ao presidente da Deputación Lugo constitúe un recoñecemento ás súas contribucións a prol do centro universitario lugués. As distintas iniciativas postas en marcha que redundaron nun notable incremento do número de estudantes matriculados na Facultade de Humanidades mereceron os parabéns de todos os relatores, que destacaron tanto o éxito obtido coa implantación da modalidade semipresencial do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural como a positiva repercusión do programa de bonificación de preto do 50% da matrículas posto en marcha pola Deputación de Lugo. Gómez Besteiro, que calificou de “estratéxica para o futuro da provincia” a alianza entre a Deputación e o campus de Lugo da USC, adiantou que que o plan de bonificación de matrícula nas titulacións do campus lugués continuará para o curso 2014-205, cando se porá en marcha tamén un plan de captación de talento, a través do que se ofrece matrícula de balde para os mellores expedientes académicos de ensino universitario que comecen a súa formación universitaria no campus de Lugo no curso 2015-2016. Este plan de captación de talento tamén inclúe liñas de axudas para as persoas que completen os estudos de grao con cualificacións brillantes e opten por ampliar a súa formación nalgún dos posgraos ofertados pola USC no seu campus de Lugo, segundo indicou o vicerreitor Javier Bueno. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, aproveitou tamén este acto académico para transmitir a estudantes e docentes as expectativas máis optimistas que deparará a aprobación do novo plan de financiamento do SUG, un acordo que, segundo dixo, debe permitir corrixir as deficiencias nos últimos anos respecto da Universidade de Santiago de Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2015.