Humanidades pon o foco na arte e no deseño lucenses nunha xornada arredor das disciplinas artísticas e a xestión cultural
USC e a EASD Ramón Falcón organizan conxuntamente a primeira edición do foro ‘Arte e deseño en Lugo, dos procesos creativos á xestión cultural’, que se desenvolverá o vindeiro 24 de outubro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, a partir das 10.00 horas. A xestión cultural e o valor das súas sinerxías, xunto coa presentación de traballos fin de mestrado, así como proxectos elaborados por estudantado da Escola, integrarán parte dos contidos deste foro dirixido tamén ao conxunto da cidadanía.
Para asistir é preciso inscribirse a través dun formulario electrónico ata o día 22. Xa en quenda de tarde, a partir das 17.00 horas, o evento vaise cara ás instalacións da EASD Ramón Falcón, onde, entre outros contidos, se realizará unha visita guiada polo centro. “A xornada pretende ser unha mostra do traballo que se está a realizar nas dúas institucións arredor da xestión cultural e as disciplinas artísticas e servir de plataforma para a difusión e visibilización do traballo do estudantado”, explican Miriam E. Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras da Facultade de Humanidades, e Ángela Morales, vicedirectora da EASDRF.
Programa
Abrirá a sesión da mañá a conferencia de María Valcárcel, xornalista cultural, profesora da USC e directora da empresa Nomenklaturas, seguida de Rebeca Maseda, fundadora do proxecto MindoMúsica, coordinadora musical da Fundación Pública Andaluza Barenboim-Said e profesora da Universidad Loyola de Sevilla. Pola tarde as conferencias trasládanse á EASDRF, co relatorio de Jorge López, profesional do audiovisual e director de fotografía en Tamboura Films, e o público asistente terá a posibilidade de visitar os talleres e o Fab-Lab da EASDRF acompañado do profesorado do centro.
Un dos puntos de interese da xornada será a presentación de traballos realizados polo estudantado, que terá lugar pola mañá na Facultade de Humanidades. Os proxectos que se amosan nesta primeira edición son o Traballo de Fin de Mestrado (TFM) de Ana B. Ferreiro, estudante do Mestrado en Servizos Culturais da USC que presenta ‘Bailarinas de pés descalzos. Proxecto expositivo sobre as pioneiras da danza moderna en España’ e os Proxectos Integrados dos ciclos de Fotografía e Cerámica Artística das estudantes da EASDRF Belén Lozano e Tania Villamarín titulados ‘Io Magari’ e ‘Na casa’.