Ir o contido principal

O Idega presentou o informe de 2024 sobre a economía galega

A pesca é un dos sectores analizados no informe. Foto: Santi Alvite
A pesca é un dos sectores analizados no informe. Foto: Santi Alvite
“A actual situación mundial abre escenarios difíciles de predicir e esixirán das autoridades responsables respostas adecuadas e firmes para facer fronte aos desafíos”, advirten as persoas autoras do estudo
Santiago de Compostela

Un ano máis, o  Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC presentou o informe sobre a evolución da economía galega que leva realizando de xeito ininterrompido desde 1986. Trátase, como explican os seus directores Roberto Bande e Dolores Riveiro, dun estudo “cun longo percorrido, que se asentou como referencia para os colectivos que cada ano están interesados en ter unha visión academicamente rigorosa, pero accesible, dos principais fitos da economía galega ao longo do ano anterior”.

A presentación tivo lugar na sede da Deputación da Coruña coa participación, ademais da directora e director do volume, do presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e do director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez Álvarez-Cedrón.

Tal e como explicaron, as “enormes incertezas” ás que se enfronta non só a economía galega, senón tamén a española e a mundial, fan que estudos como o que se presenta sexan un instrumento imprescindible para comprender o contexto actual. A guerra comercial iniciada polos Estados Unidos de América, coa fixación de elevados aranceis ás importacións, unida ás tensións xeopolíticas en Oriente Medio (coa ocupación israelí de Gaza) e en Europa Oriental (co conflito ruso-ucraíno enquistado) “abren escenarios difíciles de predicir e esixirán das autoridades responsables respostas adecuadas e firmes para facer fronte aos desafíos”.

Na presente edición, 14 docentes da USC analizan en profundidade nos 10 capítulos dos que consta o Informe o acontecido en 2024 nos distintos sectores da economía galega (sector agrario, pesca, industria, construción, servizos, turismo) e, tamén, no mercado de traballo, o sector público e o sector exterior. Esta reputada publicación, referente dos informes sobre a economía galega, é unha ferramenta esencial para investigadores, responsables das Administracións Públicas, empresas e toda persoa interesada en comprender a dinámica económica da nosa comunidade autónoma. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2025.