Ir o contido principal

Ilia Stepin gaña o premio EUSFLAT á mellor tese europea, que recoñece por terceira vez un traballo do CiTIUS

 Ilia Stepin recollendo o galardón
Ilia Stepin recollendo o galardón
A Sociedade Europea de Lóxica e Tecnoloxía Difusa concede ao investigador egresado da USC o ‘Best PhD Thesis Award 2023’ por unha investigación que mellora a explicabilidade e confianza nos sistemas de intelixencia artificial
Santiago de Compostela

O investigador Ilia Stepin foi distinguido co premio á mellor tese doutoral do ano 2023 pola Sociedade Europea de Lóxica e Tecnoloxía Difusa (EUSFLAT) en recoñecemento ao traballo desenvolvido ao longo da súa tese doutoral, realizada integramente no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela da USC (CiTIUS). A Sociedade fixo entrega do galardón o pasado 24 de xullo en Riga (Letonia), durante a cea de gala do congreso bienal EUSFLAT 2025. Con esta distinción son xa tres as teses do CiTIUS recoñecidas con este prestixioso premio internacional na última década, recibido anteriormente polos investigadores Alejandro Ramos (2016), e Andrea Cascallar (2022), primeira muller en obter este galardón en Europa. Un logro que consolida ao centro de investigación da USC como referente europeo na investigación de sistemas de Intelixencia Artificial (IA) máis comprensibles, transparentes e centrados nas persoas.  

A tese de Ilia Stepin aborda unha das preguntas máis importantes da IA actual: como podemos confiar nun sistema automatizado se non entendemos de que xeito tomou unha decisión? A súa proposta consiste no desenvolvemento de axentes conversacionais argumentativos, capaces de explicar de forma clara e razoada por que se produciu unha determinada resposta, e que tería que cambiar nos datos para que o resultado fose outro.

Este tipo de explicacións, coñecidas como fácticas e contrafácticas, permiten ao usuario explorar o razoamento do sistema e comprender a súa lóxica interna, incluso sen coñecementos técnicos. “A novidade do enfoque”, comenta o investigador premiado, “radica en que o sistema adapta as explicacións ao perfil do usuario”. “Valéndose de modelos lingüísticos e principios da teoría da argumentación, é capaz de mellorar a comunicación entre o sistema de IA e a persoa”, explica Ilia.

A tese introduce tamén unha métrica innovadora para medir a complexidade percibida das explicacións, o que permite axustar automaticamente a linguaxe, o detalle e o formato de presentación. Para validar estes desenvolvementos, Stepin levou a cabo diversos estudos con usuarios reais, cuxos resultados amosan que as explicacións xeradas polo sistema foron valoradas como útiles, comprensibles e relevantes por unha ampla variedade das persoas participantes.

O traballo, titulado Axentes conversacionais argumentativos para unha intelixencia artificial explicable, foi defendido con éxito no CiTIUS (cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Galicia FEDER 2021-2027) o 22 de setembro de 2023, baixo a dirección dos investigadores do centro José María Alonso e Alejandro Catalá.

Ciencia aberta e proxección internacional

Os avances da tese tiveron un alto impacto na comunidade científica. As súas publicacións foron citadas máis de 200 veces en Web of Science, preto de 300 en Scopus e máis de 500 en Google Scholar. Esta repercusión, a calidade do traballo e o seu enfoque innovador, reveláronse como factores clave para a concesión do premio EUSFLAT, un galardón que a European Society for Fuzzy Logic and Technology outorga dende 2010, seleccionando cada ano a mellor tese doutoral en lóxica difusa e tecnoloxías afíns entre as defendidas en toda Europa. O premio recoñece a excelencia científica, o valor aplicado dos resultados e a proxección futura do traballo galardoado.

“Ilia fixo unha contribución moi valiosa a un problema central da IA actual: como facela comprensible, confiable e útil para todas as persoas”, destaca José María Alonso, codirector da tese. «O seu traballo demostra que é posible combinar a solidez técnica cunha orientación clara cara ao impacto social, algo que consideramos fundamental no noso enfoque de investigación».

Pola súa banda, Alejandro Catalá quixo poñer en valor o entorno que o fixo posible: “este premio non só recoñece o esforzo individual de Ilia, senón tamén o modelo de formación e investigación que impulsamos no CiTIUS”. “Apostamos por unha IA máis transparente e centrada nas persoas”, continúa, “e esta tese é un exemplo excelente de como avanzar nesa dirección con ciencia aberta, innovación e compromiso”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2025.