Ir o contido principal

O IMPACT THON USC premia cinco proxectos innovadores

Na modalidade de desenvolvemento, o primeiro premio foi para o proxecto Medication Tracker
Na modalidade de desenvolvemento, o primeiro premio foi para o proxecto Medication Tracker
A iniciativa desenvolveuse coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e no marco da Rede Eusumo, da que participa a USC a través da AVTE

A primeira edición do IMPACT THON USC rematou con seis equipos premiados por cinco proxectos innovadores - EstudIa, Ouvia, Green Dots, Senda Verde e Medication tracker-, todos eles co denominador común de ofrecer solucións tecnolóxicas con impacto social ou ambiental, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).  

Na categoría de emprendemento, o primeiro premio foi para o proxecto EstudIa, unha app deseñada para mellorar a accesibilidade do estudantado aos contidos das súas materias, presentado por Lucía Pérez Moretti, Marta Martínez Paz, Raquel Lamas Fernández e Julián Neo Mariño.  O segundo gañouno a app Ouvia orientada tamén a facilitar a vida ao estudantado da USC, un proxecto de Anxo Fernández Martínez, Nahia Castro Novas, Paula Carreira Torneiro e Iria Campos Seoane. O terceiro premio recaeu no proxecto Senda Verde, enfocado no desenvolvemento sostible e presentado por Raúl Seara Suárez e Alexia Canosa.

Na modalidade de desenvolvemento, o primeiro premio foi para o proxecto Medication Tracker, unha aplicación de seguimento da medicación que permite buscar medicamentos, rexistrar doses ou levar control do historial, presentado por Pablo Lobato Rey, Pablo Seijo García, David Carpintero Diaz, Sócrates Agudo Torrado, Miguel Leal Fernández e Javier Pereira Romero.  O segundo recaeu na app Green DOTS para descubrir e avaliar negocios sostibles tendo en conta a súa contribución aos ODS, un proxecto do equipo integrado por Martín González Dios, Sabela Pérez Quintana, Asier Cabo Lodeiro e Asier Acuña Casal. O terceiro recaeu en Ouvia, acadando esta iniciativa dobre premio no certame .

O xurado estivo composto polo delegado do reitor para Transferencia do Coñecemento, Luis Otero; a profesora do Departamento de Economía Financeira Loreto Fernández; a profesora do grao de Enxeñería Informática Natalia Seoane; o profesor do Departamento de Electrónica e Computación da ETSE Jorge Alberto Suárez Garea; e a directora corporativa de Tecalis, Berta Caro.

O IMPACT THON, que contou coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través das axudas ao desenvolvemento de actividades de dinamización sociocultural, físico-deportiva e cultural, enmárcase no programa de actuación da Rede Eusumo impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, na que participa a USC a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE).

O equipo da app EstudIa, gañador na categoría de emprendemento, posa con membros do xurado
O equipo da app EstudIa, gañador na categoría de emprendemento, posa con membros do xurado
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2025.