Ir o contido principal

Inaugúranse dous novos cursos de verán da USC sobre intelixencia artificial e agroecosistemas sostibles

'Intelixencia artificial: Ciencia, tecnoloxía, ficción ou marketing?' e ‘Manexo de agroecosistemas sostibles’ son os títulos dos dous novos cursos de verán da USC que este martes, 27 de xullo, se inauguran en Santiago e Castro Riberas do Lea, respectivamente. Intelixencia artificial Axudar a comprender a importancia actual da intelixencia artificial cunha perspectiva aberta, sinxela e transdisciplinar é o obxectivo do curso ‘ Intelixencia artificial: ciencia, tecnoloxía, ficción ou márketing?’ que se desenvolverá dende o 27 ao 30 de xullo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Será o ex reitor Senén Barro Ameneiro, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial e director do grupo de investigación Grupo de Sistemas Intelixentes, quen presente o curso, que el mesmo dirixe, este martes ás 9:45 horas no Salón de Actos da Escola. Este seminario conta coa participación de investigadores de recoñecido prestixio internacional en temas de actualidade como son a intelixencia artificial emerxente, as redes sociais ou a computación evolutiva, e que orientan tamén unha parte importante do seu traballo ao desenvolvemento de aplicacións en eidos como a medicina asistencial a distancia ou a robótica intelixente. Ademais de once relatorios e tres mesas redondas para expor as principais teorías, mitos e prexuízos da intelixencia artificial, o programa inclúe tamén obradoiros con demostracións prácticas de telemonitorización en medicina e robótica intelixente que permitirán aos asistentes tomar un contacto directo coa I.A. e coas súas aplicacións máis relevantes na sociedade. Agroecosistemas sostibles O manexo de sistemas agrícolas que respecten o medio ambiente centrará o curso que os días 27 e 28 de xullo se desenvolverá nas instalacións da Granxa Gayoso Castro en Castro Riberas do Lea baixo a dirección de Xan Neira Seijo, María do Carme Jaizme Vega e José Luís Porcuna Coto. A inauguración será este martes ás 9:45 horas. Expertos en agricultura ecolóxica que desenvolven o seu traballo en diferentes institucións e organismos de Galicia, Valencia, Estremadura e as Illas Canarias serán os encargados de impartir un total de sete relatorios nos que abordarán diferentes aspectos a ter en conta á hora de buscar un incremento na produción agrícola dun terreo sen deteriorar os recursos naturais de xeito considerable. O programa do seminario complétase cunha visita guiada aos fitos históricos, etnográficos, paisaxísticos, sociais e culturais que conforman a singularidade da comarca da Terra Chá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2010.