Ir o contido principal

Inaugúranse este mércores tres cursos de verán da USC, en Santiago e Vilagarcía de Arousa

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A dirección de proxectos, o dereito á saúde e a violencia de xénero son as tres temáticas nas que se centrarán outros tantos cursos de verán da USC que este mércores, 15 de xullo, darán comezo en Compostela e Vilagarcía de Arousa.
Na Aula A3 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría inaugurarase ás 9:00 horas o curso ‘Aspectos avanzados da dirección de proxectos’, dirixido por Manuel Francisco Marey Pérez, no que se trata de difundir a súa potencialidade de aplicación profesional e nas empresas.
O programa esténdense ás nove áreas directivas definidas polo PMI (Project Management Institute) que son a definición e o control do alcance do proxecto, a estimación e control do prazo e custo do proxecto, a xestión da calidade do proxecto, a xestión do risco, a xestión das compras e contratacións, a xestión da información e comunicacións do proxecto, a xestión dos recursos humanos do proxecto, e a integración de todas as áreas anteriores, por medio da planificación e do control globais do proxecto.
Dereito á saúdeÁ mesma hora no Salón de Actos da Facultade de Medicina dará comezo o curso Dereito á saúde: o papel dos profesionais sanitarios nos proxectos de cooperación’. Dirixido por Ernesto Smyth Chamosa co obxectivo de describir os obxectivos da OMS cara o milenio, no seminario daranse a coñecer as actividades das ONGs en temas relacionados coa saúde cos mais desfavorecidos.
A finalidade é preparar ao persoal sanitario como se fose acudir a un destino, para remarcar a importancia de enfermidades esquecidas e o rexurdir de novas enfermidades.
Curso en Vilagarcía'Un mundo de iguais: loitando pola igualdade e contra a violencia de xénero' é o cuso de verán que ás 10:00 horas se inaugurará no Auditorio de Vilagarcía de Arousa. Aproximar aos profesionais do Dereito o tratamento dos problemas, as ameazas e as desigualdades ás que teñen que facer fronte as mulleres na sociedade actual, é o obxectivo do curso cuxos destinatarios son, de xeito particular, o colectivo de mulleres xuristas e estudantes de Dereito.
Dende unha perspectiva multidisciplinar procurarase sensibilizar á sociedade respecto da situación das mulleres, ofrecendo ao mesmo tempo respostas, para o que se fai instrumento imprescindible o ordenamento xurídico, divulgando as reformas lexislativas en materia de igualdade e violencia contra a muller.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2009.