Ir o contido principal
  • Investigar

A “ineludible” dimensión espacial da memoria, tema de reflexión dun simposio internacional

No simposio reflexionarán sobre como o espacial configura a memoria individual e colectiva. Foto: Santi Alvite
No simposio reflexionarán sobre como o espacial configura a memoria individual e colectiva. Foto: Santi Alvite
Desenvólvese este xoves 11 en Filosofía e o venres no Instituto de Humanidades
Santiago de Compostela

A Facultade de Filosofía será este xoves 11 e o venres sede do simposio internacional ‘Lugar, paisaxe, atmosfera: recordando e habitando espazos da memoria’, un encontro que reunirá especialistas de universidades españolas e latinoamericanas para reflexionar sobre como o espacial configura a memoria individual e colectiva.

O evento está coordinado por Ana María Rabe, da USC, e por Stascha Rohmer e Ricardo Pinilla, da Universidade Pontificia Comillas (Madrid), coa participación de persoal investigador de España e Chile.

O simposio parte da premisa de que a memoria, ademais da súa dimensión temporal e histórica, posúe tamén unha dimensión espacial ineludible; sempre se sitúa nalgún lugar, sexa material ou inmaterial, tanxible ou invisible, manifesto ou latente. Segundo as persoas organizadoras, a memoria “pode estar vinculada ás facultades mentais, sensibles e experienciais do suxeito, pero tamén encarnada no corpo físico do individuo e, ao tempo, proxectarse máis alá do suxeito: nunha paisaxe, na natureza, nun espazo virtual ou mesmo na atmosfera que conecta tempos e lugares afastados”.

Desde esta perspectiva, o encontro propón abordar os espazos da memoria a través de disciplinas como a filosofía, a literatura, a filoloxía, a historia da arte, a arquitectura, a psiquiatría e a psicanálise.

Programa


Logo da inauguración, ás 10.00 horas nun acto no que ademais das persoas coordinadoras participan o decano da Facultade, Xavier de Donato Rodríguez, e a directora do iHUS, Laura Lojo Rodríguez, haberá unha conferencia de Paula Tesche Roa, da Universidade chilena Andrés Bello, titulada ‘Inscrición poética en tres memoriais do Gran Concepción, Chile’. Durante esta xornada desenvolveranse catro mesas de debate dedicadas á memoria poética, a relación entre paisaxe e natureza, a desmemoria das paisaxes físicas e inmateriales, e o lugar da memoria en tempos de crise ecolóxica.

Xa o venres o simposio trasladarase ao Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS), con sede no CEA (Parque de Vista Alegre, Santiago). Ás 10.00 horas terá lugar unha mesa de debate sobre a memoria en espazos virtuais e psicanalíticos, con intervencións de Andrea Orois Prado e Francisco Conde Soto, da USC, e a conferencia de clausura ‘Psicopatoloxía da atmosfera e o encontro clínico’ impartida por Asef Antonio, da Universidade de Concepción (Chile). 

Con esta iniciativa, a Facultade de Filosofía da USC e o iHUS reforzan a súa aposta pola investigación interdisciplinar e a difusión cultural no ámbito das humanidades.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2025.