A inscrición para o Verán CampUSC abre o 10 de abril

A USC pon en marcha este xoves 10 a décimo sétima edición do seu programa de conciliación da vida laboral e familiar no verán, organizado pola Fundación USC para a comunidade universitaria e para o público en xeral. Os detalles do Verán CampUSC presentounos este martes no espazo social da Tenda da USC o reitor Antonio López, que estivo acompañado do xerente da USC, Javier Ferreira; do xerente da Fundación, Óscar Hermida; e dunha presentación de familias participantes en pasadas edicións do programa.
Pioneiro no ámbito universitario, Verán CampUSC responde ao forte compromiso social da USC coa súa comunidade, pero tamén coa propia cidadanía, para o que conta coa colaboración do Concello de Santiago. Achega un total de 500 prazas distribuídas en cinco quendas dende a finalización do curso escolar, no mes de xuño (do 23 ao 30), xullo (1 ao 11, 14 a 24 e do 28 ao 31) e a comezos de setembro (1 ao 9). O programa deste ano, que abre a inscrición este xoves 10 de abril, está dirixido a nenas e nenos nados entre o 2012 e o 2021.
Todas as sesións do Verán CampUSC, a realizar maioritariamente no Campus Sur, están planificadas con criterios psicopedagóxicos e de perspectiva de xénero e teñen como obxectivo ofertar unha ampla variedade deportiva baseada no respecto e na igualdade entre nenos e nenas para que, nun futuro, lles permita practicar deporte de forma autónoma, duradeira e pracenteira. Todas elas desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, integración, hixiene e respecto ás normas.
Amplo abano de actividades
O núcleo máis importante de actividades ten unha importante base deportiva, dende as habituais probas do atletismo ata os deportes de equipo (clásicos, como o baloncesto ou voleibol, ou máis alternativos e emerxentes, como o ultimate, colpbol ou quidditch), pasando polos xogos tradicionais.
Outra liña de actividades vai dirixida a que os rapaces e rapazas descubran novas habilidades persoais ou obradoiros artísticos e potencien as súas aptitudes e capacidades así como xornadas orientadas a gozar da natureza, como rutas de sendeirismo, carreiras de orientación ou descubertas no entorno natural do propio campus e arredores.
