Ir o contido principal

‘Inside the lab’ presenta os resultados científicos do CiTIUS ante o sector empresarial e a administración

Vista exterior do CiTIUS
Vista exterior do CiTIUS
Para participar no evento é preciso formalizar a inscrición antes das 12.00 horas do xoves 3

Volve Inside the Lab, a xornada de presentación de resultados científicos do CiTIUS ante o mundo da empresa e a administración. A xornada diríxese principalmente tanto a empresas e administracións como a organizacións en xeral interesadas en establecer sinerxías mediante proxectos de I+D, licenzas de tecnoloxía ou asociacións estratéxicas. Esta iniciativa facilita a transferencia de coñecemento desde a universidade, achegando valor ao tecido produtivo.

Inscricións

O evento celebrarase presencialmente nas instalacións do centro o venres 4 de xullo de 2025, en horario libre entre as 10:00 e as 14:00 horas. As persoas interesadas deberán completar a súa inscrición na web oficial da xornada antes do 3 de xullo ás 12.00 horas.

11 demotracións e 2 spin-off

Durante a xornada presentaranse distintos demostradores tecnolóxicos desenvolvidos no centro, como ‘SAIA: análise de imaxe médica animal’, unha interface que permite xestionar e analizar automaticamente datos de resonancia magnética en ratas. Este sistema facilita o acceso a técnicas avanzadas a equipos de investigación sen coñecementos de programación, impulsando a investigación biomédica.

Outro dos proxectos destacados é ‘Chatty: modelos de linguaxe para falar polos cóbados’, que permite manter unha conversa síncrona con varios modelos de linguaxe (LLMs) que actúan simultaneamente con distintos roles de asistente.

O demostrador EmoTrack tamén será protagonista nesta xornada, coa súa capacidade para detectar e visualizar emocións e niveis de estrés en tempo real mediante técnicas multimodais adaptables a diferentes contextos.

A lingua galega ten presenza destacada a través de dous demostradores clave: por unha banda, Carballo, un modelo multilingüe baseado no Proxecto Nós que permite a tradución, análise de sentimentos e xeración de textos creativos en galego. Por outra banda, un sistema avanzado de tradución automática con redes neuronais entre español, galego e inglés, con modelos abertos compiten ao máis alto nivel no ámbito internacional.

No eido ambiental presentaranse tecnoloxías como a caracterización automatizada da biomasa forestal mediante datos LiDAR, unha solución baseada en intelixencia artificial que mellora a eficiencia na xestión forestal, así como un sistema de identificación automática de especies de algas mariñas mediante análise de imaxes submarinas, con especial interese para as industrias farmacéutica e alimentaria.

Ademais, no campo da medicina destacan proxectos como BreastAnalyser, unha ferramenta que facilita a análise automática de imaxes inmunohistoquímicas para o diagnóstico do cancro de mama.

No ámbito da visión artificial exporanse dous demostradores de alto carácter innovador: un deles en torno á detección visual de obxectos sobre FPGA, que identifica persoas en tempo real mediante dispositivos programables, e outro de detección de eventos mediante sensores CMOS de alto rendemento, que detecta cambios en escenas a nivel de píxel.

A innovación en tecnoloxías sostibles porase en valor a través energHius, a nova spin-off do CITIUS. Xurdida recentemente da investigación do centro, esta nova compañía de base tecnolóxica sérvese da tecnoloxía Nanostart® para capturar pequenas cantidades de enerxía ambiental, facilitando así unha nova xeración de dispositivos para Internet das cousas (IoT), ultra pequenos e sen batería.

Por último, a xornada contará tamén coa spin-off máis lonxeva do CiTIUS (Situm), que acudirá puntualmente á súa cita con Inside the Lab a través de GAIA by Situm; un demostrador enmarcado no proxecto IA360, que ofrece unha plataforma intelixente para proporcionar información xeoespacial en tempo real e adaptada a traballadores e xestores segundo as súas necesidades específicas.

Como broche artístico, o público poderá interactuar tamén con Esencia, unha instalación dixital que visualiza o corpo humano como un dinámico campo enerxético simulado mediante partículas que reaccionan de maneira realista segundo parámetros físicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2025.