Ir o contido principal

O Instituto de Psicoloxía pecha outubro cunha charla de Rosa Baños sobre saúde mental e as I Xornadas Predoutorais

Facultade de Psicoloxía da USC
Facultade de Psicoloxía da USC
De recente creación, o IPsiUS aposta por un amplo programa de actividades, con charlas divulgativas e de formación

O Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS) pechará este mes de outubro con dúas actividades destacadas, unha charla de Rosa Baños sobre saúde mental e as I Xornadas Predoutorais. De recente creación, este instituto aposta por un amplo programa divulgativo, con charlas divulgativas e de formación.

Deste xeito, os vindeiros días 28 e 29 de outubro terán lugar en horario de tarde as primeiras Xornadas Predoutorais do IPsiUS nas que o persoal predoutoral presentará os seus proxectos de investigación, fomentando un ambiente de intercambio de ideas e aprendizaxe entre as persoas asistentes. Ao final do evento, premiaranse as mellores presentacións flash-talk, formato elixido para o desenvolvemento deste evento.

Xa o 30 de outubro,  a catedrática da Universitat de València Rosa Baños impartirá a conferencia ‘O potencial das tecnoloxías para impulsar e repensar a investigación e a práctica en Saúde Mental’. Na charla, ás 11.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía, Baños explorará como as ferramentas dixitais como a telepsicoloxía, a realidade virtual ou a intelixencia artificial están transformando a atención psicolóxica, mellorando o acceso a tratamentos e personalizando as intervencións. Ademais, abordará exemplos de aplicación no tratamento de trastornos mentais e promoción do benestar, ofrecendo unha visión interdisciplinar sobre o futuro da investigación en saúde mental.

Un inicio de curso dinámico
As actividades do IPsiUS inclúen seminarios formativos, como o da doutora Teresa Bajo sobre avaliación de proxectos ERC e o Dr. Ignasi Labastida sobre plans de xestión de datos de investigación. Estas accións están financiadas pola Vicerreitoría de Política Científica, no marco do Convenio de accións estratéxicas de I+D da Xunta de Galicia.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2024.