Ir o contido principal

Intelixencia Artificial e datos reivindícanse como eixo de transferencia de coñecemento entre a USC e a empresa

A USC e a compañía tecnolóxica DXC Technology cumpren oito anos de colaboración a través do Observatorio DXC, un programa con destacada participación do CiTIUS. Foto: Santi Alvite
A USC e a compañía tecnolóxica DXC Technology cumpren oito anos de colaboración a través do Observatorio DXC, un programa con destacada participación do CiTIUS. Foto: Santi Alvite
A USC e a compañía tecnolóxica DXC Technology cumpren oito anos de colaboración a través do Observatorio DXC, un programa con destacada participación do CiTIUS que promove o desenvolvemento de talento especializado e a conexión entre investigación, docencia e sector tecnolóxico
Santiago de Compostela

O desenvolvemento de talento especializado nas distintas áreas do sector tecnolóxico (Intelixencia Artificial, Big Data, Ciencia de Datos...) é un dos grandes desafíos do sector tecnolóxico actual, facendo da colaboración entre universidade e empresa unha ferramenta clave para afrontalo. Neste contexto nace o Observatorio DXC, unha iniciativa posta en marcha en 2017 entre a USC e a compañía tecnolóxica DXC Technology para achegar a formación universitaria e a investigación ás necesidades reais do contorno profesional.  

 

Desde a súa creación, máis de 150 estudantes da USC participaron no programa procedentes de titulacións vinculadas ao ámbito tecnolóxico e de datos. Ao longo destes anos téñense desenvolvido preto de 60 proxectos académicos, entre Traballos Fin de Grao e Fin de Máster, e máis de 100 estudantes realizaron prácticas curriculares en áreas como Intelixencia Artificial, Ciencia de Datos e Machine Learning, integrándose en equipos e proxectos vinculados ao ciclo completo do dato.

 

O Observatorio DXC articúlase arredor de tres eixos principais. Por un lado, a co titorización de traballos académicos, que permite ao estudantado desenvolver os seus proxectos co acompañamento de profesionais da empresa e persoal investigador (en moitos casos, vinculado ao CiTIUS da USC), incorporando así unha visión aplicada aliñada cos avances tecnolóxicos actuais. Por outra banda, o Premio ao mellor Traballo Fin de Máster do Máster en Big Data da USC, que alcanza este ano a súa novena edición tense consolidado como un recoñecemento académico de referencia neste ámbito. Finalmente, as prácticas curriculares tuteladas constitúen o núcleo do programa, ofrecendo a oportunidade de traballar en casos reais nun contorno formativo supervisado.

 

A iniciativa permitiu reforzar a conexión entre a formación avanzada, a investigación desenvolvida no ámbito universitario (moi especialmente a través do CiTIUS) e a súa transferencia ao sector produtivo. As liñas de traballo en intelixencia artificial, análise de datos e aprendizaxe automática que se desenvolven no centro atoparon neste tipo de colaboracións un espazo natural para a captación de talento, ao tempo que contribúen a mellorar a empregabilidade e a capacitación tecnolóxica do estudantado.

 

Máis alá destas accións, a colaboración complétase con seminarios, actividades divulgativas e propostas orientadas a espertar vocacións tecnolóxicas, como charlas en centros educativos ou iniciativas abertas á sociedade. Tras oito anos de percorrido, o Observatorio DXC consolídase como un exemplo de cooperación sostida entre universidade, centro de investigación e empresa, orientada a xerar coñecemento, talento e impacto no ecosistema tecnolóxico galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.12.2025.