Ir o contido principal

O Inventario Forestal Continuo de Galicia deseña o futuro do monte galego

Paisaxe forestal de Galicia. Foto: Santi Alvite
Paisaxe forestal de Galicia. Foto: Santi Alvite
O documento encargado pola Xunta de Galicia á Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible da USC e a investigadores da UVigo, inclúe un sistema de monitorización das masas forestais e estará rematado a finais de 2022
Lugo, Santiago de Compostela

Investigadores da Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (Uxafores) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC lideran o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia, unha nova ferramenta dotada do sistema de monitorización máis avanzado que contribuirá á posta en valor e ao aproveitamento do monte e dos recursos forestais de Galicia, segundo puxo este martes de manifesto o conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, no marco dunha xornada celebrada en Boqueixón e na que tamén participaron os reitores da USC, Antonio López, e da UVigo, Manuel Reigosa.

O Inventario Forestal Continuo de Galicia, financiado pola Consellería de Medio Rural con 574.000 euros e no que ata finais de 2022 traballará a Unidade de Xestión Ambental e Forestal Sostible USC xunto con outros investigadores da UVigo, constitúe un documento apropiado para avanzar cara a unha política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificable, mediante un proceso participativo no que estean presentes todos os estamentos interesados da sociedade galega, segundo subliñou o conselleiro.

O Inventario Forestal Continuo de Galicia permitirá facer un seguimento da superficie e do estado das masas de árbores, ademais de constituír un sistema de apoio á toma de decisións de materia de política forestal, explica o profesor e investigador da USC César Pérez Cruzado, quen lidera un proxecto chamado a servir de folla de ruta do sector forestal galego.

O futuro documento permitirá asemade cumprir a recomendación do Ditame da Comisión  especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de lumes forestais, no que se apunta a necesidade de crear un sistema de información e estatística forestal de Galicia. Esta nova dotación permitirá facer diagnósticos axeitados e tamén se antolla como unha ferramenta fundamental para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.

A creación e posta en marcha del Inventario Forestal Continuo de Galicia será tamén de axuda para aplicar o Plan Forestal de Galicia 2021-2040, dado que se trata dun documento que achega información continua e precisa sobre os recursos dos montes, datos de máxima importancia para mellorar a planificación e a xestión estratéxica, ambiental e económica.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2021.