Unha investigación da USC pon en valor as pinturas murais da Ribeira Sacra, un “patrimonio pouco coñecido e valorado”

O estudo exhaustivo de 20 igrexas e 47 murais, maioritariamente do século XVI e localizados en edificacións da Ribeira Sacra lucense e ourensá, realizado pola investigadora Lucía Pereira achega información de gran relevancia para a posta en valor e conservación da pintura mural galega, un “ patrimonio pouco coñecido e valorado que se atopa en risco de deterioro e destrución dende hai séculos”. A investigación aspira a evitar que o “falso tópico da inexistencia de pintura mural en Galicia se converta en realidade nun futuro próximo”, explica Lucía Pereira. O traballo de investigación recolle a tese de doutoramento dirixida polas profesoras do Departamento de Edafoloxía Benita Silva Hermo e Beatriz Prieto Lamas e titulada 'Avaliación de riscos da pintura mural da Ribeira Sacra. Análise de materiais e estudo ambiental'. Os resultados da análise “poderán ser empregados polas autoridades responsables do noso patrimonio para elaborar e implantar un necesario plan de conservación preventiva da pintura mural da Ribeira Sacra, así como un proxecto de restauración axeitado e de mantemento das igrexas en boas condicións”, engade a doutora Pereira Pardo. Na súa opinión, “isto favorecería a candidatura da Ribeira Sacra en 2015 para ser recoñecida pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade, o que sen dúbida tería unhas consecuencias moi positivas na posta en valor e difusión internacional deste patrimonio único”. A investigadora realizou unha análise orientada á mellora da conservación destas pinturas, con especial atención aos principais riscos que as afectan. Os máis graves, apunta a investigadora, son aqueles relacionados coas filtracións de auga nas igrexas e construcións relixiosas que acubillan estas creacións artísticas, así como coa colonización biolóxica. A elevada concentración de ozono, o que supón un risco de oxidación de materiais orgánicos, coma os colorantes -de feito detectouse o emprego dun colorante violeta en Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e en Santa maría de Proendos (Sober)-, a deposición de partículas e uns niveis incorrectxos e fluctuacións excesivas de humidade relativa e temperatura son outros dos factores de risco máis acentuados. A autora do traballo, que ademais de licenciada en Farmacia é tamén estudante de último curso do grao de Historia da Arte e membro do Grupo de Estudos Medio ambientais Aplicados ao Patrimonio (GEMAP), fixo unha análise detallada da composición dos materiais constituíntes das pinturas murais, ademais de desenvolver un estudo medio ambiental do interior das igrexas para, logo, diagnosticar o estado de conservación actual dos murais. Respecto da conservación dos murais estudados na Ribeira Sacra, a investigadora sinala como principais alteracións rexistradas aquelas relacionadas co deterioro da integridade estrutural dos murais (fendas debidas moitas veces á cristalización de sales baixo a superficie da pintura), pulverulencia da superficie pictórica, revocos debilitados..., a presenza de pátinas de distinta orixe (sulfatación superficial de la cal, pátinas biolóxicas...), o cambio cromático por alteración de pigmentos ou, entre outras, os efectos derivados de intervencións humanas non apropiadas (marcas de repicado, restos de encalado, graffiti ou restauracións non profesionais, entre outros). Análise de materiais e técnicas pictóricas A análise da composición dos materiais empregados nestas pinturas murais conservadas nas igrexas incluídas neste estudo, financiado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para así poder avanzar na conservación preventiva e na posta en valor deste patrimonio artístico e natural da Ribeira Sacra aínda pouco coñecido, permitiu determinar que os murais presentan revocos de cal árido granítico, sinxelos e de elaboración pouco coidada, con habituais síntomas de descohesión. A técnica pictórica máis habitual é o fresco, a máis resistente en pintura mural, que se basea na aplicación dos pigmentos sobre o revoco húmido, que ao carbonatar en contacto co CO2 do aire, vólvese máis duro e incorpórase os pigmentos á estrutura do muro. Excepcionalmente, sinala a investigadora, detectouse a presenza de pequenas cantidades de substancias orgánicas moi degradadas, un elemento indicativo dunha posible técnica a seco ou de retoques a mezzo fresco. A paleta pictórica é reducida (vermellos, rosados, alaranxados, amarelos, ocres, marróns, grises, negros e brancos), xeralmente a base de pigmentos de orixe natural é probablemente de procedencia local. Todos eles son acaídos para empregarse en pintura ao fresco. Aínda así, o estudo permitiu detectar en ocasións pigmentos artificiais (minio, vermellón), que son máis vulnerables e que nalgúns casos permiten a datación da pintura (amarelo de chumbo e estano, empregado entre os séculos XV e XVII, ou en repintes máis recentes: pigmentos de produción industrial, sintetizados a partir do século XIX, como por exemplo o amarelo de cromo ou azul ultramar artificial). Tribunal da tese e cualificación O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada polo Lucía Pereira Pardo estivo presidido polo catedrático do Departamento de Historia da Arte da USC Juan Manuel Monterroso Montero. Ana Jesús López Díaz, do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade da Coruña; Milene Gil, do Laboratorio Hércules, da Universidade de Évora (Portugal); Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación de Bens Culturais de Galicia, e a profesora do Departamento de Edafoloxía da USC María Teresa Barral Silva, en calidade de secretaria, completaron o tribunal que cualificou con sobresaínte cum laude a investigación.
Esta investigadora nada en Tomiño, aínda que afincada en Compostela, vén de ser tamén seleccionada para o Zeno Karl Schindler Fellowship, o que lle permitirá participar no proxecto MINIARE, da Universidade de Cambridge, a partir de xuño de 2015. A súa tarefa neste novo proxecto de investigación será a análise mediante técnicas non invasivas dos pigmentos empregados nas miniaturas da extensa e valiosa colección de códices medievais e renacentistas conservados no Museo Fitzwilliam.