Ir o contido principal

Unha investigadora da USC calcula a pegada de carbono e os factores de normalización ambiental de Galicia

Laura Roibás no centro co tribunal e a directora da tese (á dereita)
Laura Roibás no centro co tribunal e a directora da tese (á dereita)

A investigadora da USC Laura Roibás Cela aplicou e mellorou na súa tese de doutoramento, dirixida pola profesora Almudena Hospido, a metodoloxía de Análise de Ciclo de Vida (ACV) territorial para calcular a pegada de carbono e os factores de normalización de Galicia, como exemplo de rexión con características e axenda medioambiental propia.

Os factores de normalización son o conxunto de impactos causados por todas as actividades produtivas e de consumo dunha rexión nun determinado ano, calculados dende unha perspectiva de ciclo de vida. Esta perspectiva permite considerar todos os consumos de recursos e as emisións ligadas ás actividades galegas mesmo que non teñan lugar na comunidade, como poden ser os ligados á importación de bens e servizos para o consumo e de materias primas para a produción.

Esta é a primeira vez que se aplica a metodoloxía de ACV territorial, desenvolvida en Francia, a un territorio tan extenso e autosuficiente como Galicia, o que fixo necesario desenvolver un procedemento para evitar o cómputo dobre dos impactos da produción galega, que xorde debido á perspectiva de ciclo de vida.

Entre as categorías de impacto determinadas atópase a pegada de carbono (que mide as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro e por tanto fai referencia ao risco de cambio climático), pero tamén outras como o risco de eutrofización dos ríos e mares, de acidificación terrestre ou de esgotamento da capa de ozono. Os resultados da pegada de carbono comparáronse aos obtidos con outras metodoloxías, o que permitiu comprobar a súa representatividade e propor novas vías de mellora para sucesivas aplicacións da metodoloxía (como o uso da matriz Galega de Input Output ou doutras matrices multirrexionais).

Estes factores de normalización serven tanto para analizar a situación ambiental na rexión -xa que permiten identificar as actividades que máis contribúen a cada impacto como primeiro paso para reducilas- como para servir de referencia en futuros estudos de ACV de produtos ou procesos relacionados con Galicia.

Estudos individuais como UNICLA
Para aplicar o ACV territorial son precisos numerosos estudos individuais, tanto de produtos producidos como consumidos en Galicia. No relativo aos primeiros, no marco da tese realizáronse colaboracións coas empresas Calvo e Feiraco (CLUN), que conduciron á certificación da pegada de carbono do leite UNICLA, o primeiro produto galego que a consigue. No que respecta ao importado, avaliouse o impacto ambiental dos bananos ecuatorianos consumidos en Galicia, mediante unha colaboración coa Organización de las Naciones Unidas para la Alimentación y la Agricultura (FAO).

Como resultado destes traballos individuais e do cálculo dos factores de normalización para a comunidade na tese ‘Application and refinement of territorial Life Cycle Assessment to the calculation of the carbon footprint and the normalisation factors of Galicia’, publicáronse sete artigos de investigación en revistas do SCR. Esta liña de investigación desenvolveuse no seo do grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Departamento de Enxeñaría Química ao abeiro do programa de doutoramento Enxeñaría química e ambiental.

O tribunal que lle outorgou ao traballo a cualificación de sobresaliente cum laude estivo presidido pola investigadora de Análise de Ciclo de Vida e Agricultura no Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimentàries (IRTA) Mª Asunción Antón Vallejo, e formado ademais pola profesora de Fundamentos de Análise Económica da USC Mª Luz Loureiro García e o profesor do KTH Royal Institute of Technology Miguel Mendonça Reis Brandão.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.07.2018.